Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2020 | Actualizada ás 22:05
O candidato á Presidencia da Xunta por Marea Galeguista, Pancho Casal, reclamou este domingo que reabran os centros de día para dar atención aos usuarios e que se poña fin ao "desmantelamento, centralización e privatización" da sanidade pública.
Casal visitou Verín (Ourense), onde se reuniu con persoal do hospital e con familiares de usuarios e membros da dirección do centro de día da localidade. Neste contexto, lembrou as mobilizacións contra o peche do paritorio, que finalmente segue en funcionamento, e chamou a que o "espírito de loita" do movemento 'Verín non se pecha' termine co PPdeG "na oposición".
Os servizos públicos de proximidade no rural ourensán, dixo, están nunha situación de "malos tratos" e, nestas condicións, "non hai lexislatura do rural posible". É "imperativo" blindar estes servizos, reivindicou e comprometeuse a presentar unha lei no Parlamento con este fin e para que "goberne quen goberne, non poida pechalos nin desmantelalos, por moitos intereses privados que teñan".
O presidente da Xunta e candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, "deixou claro, co peche do paritorio, que non lle preocupa o máis mínimo a saúde dos galegos", criticou Casal. Ademais, o candidato de Marea Galeguista censurou a "actitude impresentable" do presidente galego coas familias de usuarios de centros de día e os profesionais sociosanitarios. Destacou os problemas cognitivos e físicos dos maiores desde o comezo do confinamento e o peche destas instalacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.