Funcionarios interinos: “Feijóo foi interino e pedía a equiparación cos fixos, axiña esquecemos de onde vimos”

A Plataforma de Empregados Temporais das Administracións Públicas de Galicia, Plategal, denuncia casos de décadas con interinidades. Unha práctica que sería fraude de lei segundo as normativas tanto da UE, estatais, autonómicas e que tamén recollen sentenzas xudiciais. Falamos con Óscar Calvo, vicepresidente da Plategal.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 24/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Que diferencia ao colectivo de traballadores e traballadoras interinas, laborais e interinos non fixos para querer organizarse de maneira independente en Plategal?
O nacemento de Plategal obedece a unha sensación de inmobilismo a pesar de que hai grupos, foros e plataformas de interinos. O noso obxectivo é pedir a estabilidade dos empregados públicos temporais, sobre todo os que estamos en abuso de temporalidade. No meu caso son doce anos traballando de maneira interina e coma min hai moitos. Sobre ese abuso de temporalidade, hai unha sanción da UE, a directiva 1999/70/CE, onde establece que a relación temporal debe pasar a permanente ou fixa.

Feijóo e Rueda. XUNTA
Feijóo e Rueda. XUNTA

-Iso tense que aplicar pasado un límite de tempo, non?
A todos os que estean en fraude de lei, aquelas persoas que superan os tres anos no seu posto como temporal. Nunha empresa privada deberías pasar a fixo ou indefinido. Nós dicimos que se as prazas públicas se teñen que convocar cada ano e en Galicia temos 30.000 interinos dentro da administración pública, desde concellos, deputacións e Xunta. En toda España hai máis de 800.000. O primeiro obxectivo para nós é acabar coa temporalidade e converter os e as interinas en persoal fixo. O segundo é a paralización da Oferta de Emprego Público porque están ofertando postos de traballo xa ocupados por interinos. Botar un para meter outro, falando de maneira simple, ou un ERE encuberto.

Estamos en fraude de lei porque moitos e moitas superamos amplamente os tres anos nos nosos postos

-Non obstante, esas persoas interinas terían máis puntuación se se presentan á OPE.
As formas para acceder á función pública son tres. A oposición libre, onde todos concorren en ingualdade. Despois está o concurso oposición, que despois de superar o exame teñen en conta os méritos aportados, e despois, de maneira excepcional, tal como establece o Estatuto Básico do Empregado Público no seu artigo 61 para funcionarios e persoal laboral, se pode facer por concurso de méritos. Segundo a lei, podería aplicarse de maneira excepcional o sistema de concurso que consistiría en valoración de méritos. Isto debido a que a capacidade está demostrada co paso dos anos. Entendemos que o mérito e a capacidade xa a temos demostrada cos anos que levamos traballados. Xa hai sentenzas que declararon fixas a interinos e laborais en Galicia e que agora están recorridas pola Xunta. A idea é defender fixar no seu posto a esa persoa en condicións de interinidade ou laboral, a paralización das OPE e que cese o tratamento discriminatorio aos e ás interinas. Queremos facer pública a preocupación de quen levamos anos traballando de maneira interina.

-Ti puideches presentarte a unha OPE desde que estás traballando?
Eu non tiven ocasión de ir a unha OPE porque nunca ofertaron a miña posición. En 2008 fixeron probas de méritos, superei as probas, e desde ese día ata o de hoxe non houbo convocatoria. Levo doce anos como interino. É culpa miña cando a OPE ten que ser cada ano? Onde estou eu, máis dun terzo somos interinos e que tampouco puideron presentarse a unha OPE. Falan de eliminar temporalidade cando dentro da mesma administración pública os e as interinas son un número amplo.

Concentración de funcionarios en la explanada de la Xunta en San Caetano
Concentración de funcionarios en la explanada de la Xunta en San Caetano

-En caso de presentarte a unha OPE, por que non se che teñen en conta os anos traballados dentro da administración?
Se é unha oposición libre, todos e todas imos en igualdade de condicións, non contan os anos traballados. Se é concurso-oposición, eu teño que sacar en igualdade a oposición e despois valoran os meus puntos. Eses puntos poden servirme para escoller unha praza ou outra. En tal caso, dentro da administración do Estado por exemplo, hai unha sentenza do 4 de xuño que establece como sanción declarar fixo a un funcionario. A Unión Europea establece que ou indemnización ou sanción. As indemnizacións son moi elevadas. Así en caso de que a admnistración galega convoque as OPEs e comecen a despedir os interinos que despois denuncien o despido, terá que levar unha indemnización, e son moitos traballadores e traballadoras. Estaría disposta a Xunta a asumir esa suma de diñeiro?

Onde estou eu, máis dun terzo somos interinos e que tampouco puideron presentarse a unha OPE

-Que vantaxes tería transformarte en fixo?
Eu era interino, denunciei e o xuíz declarou que eu son persoal laboral indefinido-non fixo. Este persoal é unha figura que sacou a xustiza porque establecían que cando se superan os tres anos nun posto, pasas a estar en fraude de lei, non se pode estar máis de tres anos como laboral. Segundo a interpretación dalgúns xuíces antes da normativa da UE, o único que podían facer era declararte indefinido. Esa figura de indefinido sacouno a Xustiza, en ningunha lei está contemplado persoal laboral indefinido. Coa normativa da UE de 1999, que sanciona a temporalidade, hai que hai que marcar uns tempos. A media de interinidade está entre os oito e os trinta anos. Unha persoa non pode estar vinte e tantos anos como interino.

-Convocaránse para vós, as persoas interinas, probas para quedar como fixo?
Non, non creo. Tampouco vexo vontade política para resolvelo. Ao mellor á Xunta lle interesa máis sacar unha OPE moi ampla, mais nesa oferta hai xente interina que ao mellor non saca a praza e queda fóra. O normal é que as OPEs sexan convocadas de maneira anual, iso é o normal e o noso é o excepcional, estar doce anos nunha praza, por exemplo. Establécese a excepcionalidade, porque segundo o Estatuto Básico do Empregado Público, en virtude de lei, ti modifica a lei e convoca un proceso excepcional porque é unha situación excepcional. Non é normal que non se convoquen prazas vacantes e haxa persoas interinas por doce anos ou máis, iso é unha situación excepcional. Excepcionalmente pode facerse un concurso de méritos. Non obstante, aos políticos pode interesarlles máis convocar OPEs e non avisar que hai persoas que están na administración en fraude de lei a partir dos tres anos.

-Cal é o procedemento legal que segue normalmente unha persoa en situación de interinidade e que quere ser fixa?
Acodes aos tribunais, no meu caso declararon que tiña que ser declarado indefinido-non fixo, fun ao TSXG, non me fixeron fixo mais a unha compañeira si a declararon fixa, a Xunta non acatou e imos camiño do Supremo. Agora mesmo hai moita xente que está facendo o mesmo. A Plategal nace logo do movemento 15 F. Houbera unha manifestación en Madrid demandando converternos en fixos. Parte dese colectivo e máis xente que se suma, formamos a plataforma, con todo, hai moita desinformación e moita xente que lle custa mobilizarse. Xa escribimos a todos os partidos políticos e estamos esperando a resposta, desde a administración tampouco nos responderon.

A media de interinidade está entre os oito e os trinta anos. Unha persoa non pode estar vinte e tantos anos como interino

-Credes que despois das eleccións autonómicas as cousas comecen a cambiar?
Non cremos que cambie nada. O mesmo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nos seus tempos mozos, que foi interino da Xunta, creara con outros colegas un sindicato para demandar a equiparación dos funcionarios interinos cos fixos. Agora el non atende as demandas dos interinos. Mais non creo que cambie moito a cousa, se mesmo hai sanitarios dentro desa situación!

-Á Xunta sáelle máis barato ter interinos que fixos?
Sáelle igual, quizais máis caro o interino porque se me despiden teranme que indemnizar. Se estou indefinido-non fixo, se son despedido pedirei indemnización. Pasei un proceso selectivo para ser interino, así que xa demostrei mérito e capacidade. Hai ferramentas para legalizar a nosa situación e deixar de estar en fraude, de estar nunha temporalidade enganchando contratos cando son postos estruturais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

17 pily

A situacións excepcionais creadas pola propia administracion, solucións excepcionais (interinos, laborais temporais, indefinidos non fixos = FIXEZA XA)

16 Bowie

Os interinos non deben ler moito as leis de función pública. Para o acceso a empregos públicos : IGUALDADE, CAPACIDADE, MERITO E PUBLICIDADE. E iso solo se consegue superando Unha oposición xa que e o que iguala a todos. Pedir a fixeza por ser interino e ter pouca vergonza...

15 Arturo

A día de hoxe so hai unha sanción posible ao abuso, a FIXEZA, mágoa que os gobernos e as OOSS, fagan caso omiso á normativa europea, haberá que preguntarlles porque, pois a primacía do dereito da Unión Europea obriga aos apíses membros a aplicala por riba das súas propias normas, incluída a CE’78.

1 Sentidiño

As directivas europeas non se aplican directamente: estabelecen obxectivos que a lexislación de cada estado deberá cumprir logo dun prazo. A iso chámanlle "transposición de directiva europea". A directiva pode darche lexitimidade para discutir a lei actual, pero os tribunais non a poden aplicar.

14 Beatriz P.

1. Dad las gracias de llevar currando tanto tiempo en la pública sin haber aprobado una opo y no hayan sacado esos puestos a concurso. 2. Menos morro y más codos

13 Ismael Costoya

Moi bo artigo, só unha aclaración. Non se trata dun ERE encuberto, é aínda peor. Aquí non queren negociar nen pagar indemnizacións polo fraude cometido. Trátase dun despido libre e gratuíto que levará a moitos galegos, e ás súas familias, a un drama económico e social de difícil saída.