Condenan á Xunta por "vulnerar" os dereitos de Antón Sánchez por falta de información sobre a fusión das caixas

En concreto, a Xunta foi "condenada por vulnerar o artigo 23 da Constitución", é dicir, por "obstruir o labor da oposición sistematicamente", en palabras do exdeputado de AGE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2020 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Xunta por "vulnerar" os dereitos do aínda deputado Antón Sánchez cando era membro da coalición Alternativa Galega de Esquerda e solicitou información sobre a fusión das caixas galegas e o seu posterior proceso de bancarización, a cal non chegou a recibir desde a súa reclamación en 2013.

A sentenza fai referencia a unha petición que, con posterioridade, en 2018, o parlamentario actualmente do Grupo Común da Esquerda realizou ante o presidente da Cámara, Miguel Santalices, ante o que denomina "ocultación sistemática de información da fusión e posterior privatización".

Tal e como sinala a sentenza, a Xunta é "condenada por vulnerar o artigo 23 da Constitución", é dicir, por "obstruir o labor da oposición sistematicamente", en palabras de Antón Sánchez, quen ironizou coa defensa da Carta Magna que "tanto di que fai" o Partido Popular.

Sánchez denunciou a "ocultación" de información con "a maior estafa económica aos galegos, que viron como o 40 por cento dos seus aforros quedaron en mans dun banco estranxeiro e foron vendidos a prezo de amigo". Ademais, a comisión de investigación que se iniciou en 2012 nunca chegou a pecharse cun ditame no Parlamento de Galicia, aínda que varios exdirectivos foron condenados polas indemnizacións millonarias recibidas antes da desaparición das caixas e a súa fusión.

"Agora vemos as consecuencias dun negocio que lle saíu gratis a un banco, que reporta millonarios beneficios ano tras ano grazas ás decisións políticas tomadas por Núñez Feijóo e polo PP", apunta Sánchez.

A sentenza dá por probado que a Xunta "ocultou información transcendental no proceso durante anos" e obriga á Administración autonómica a entregar de inmediato a Antón Sánchez os documentos solicitados ou, no seu caso, facilitar o seu acceso a eles.

Por iso, Sánchez esixe que esta documentación se entregue "antes das eleccións", para que "se coñeza realmente o ocorrido e como se chegou á privatización do aforro galego".

Antón Sánchez informará publicamente as actuacións que levará a cabo nunha comparecencia pública que terá lugar o vindeiro xoves.

Antón Sánchez e Martiño Noriega, en declaracións aos medios nos corredores do Parlamento. EUROPA PRESS - Arquivo
Antón Sánchez e Martiño Noriega, en declaracións aos medios nos corredores do Parlamento. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta