O PP repetiría maioría absoluta e o PSdeG sería segunda forza, segundo o CIS

Nin Vox, nin Marea Galeguista, nin Ciudadanos entrarían na Cámara galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2020 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O PPdeG obtería, por cuarta vez e con folgura, unha maioría absoluta no Parlamento galego nas eleccións do 12 de xullo, con entre 40 e 42 escanos (a maioría está en 38), mentres que os socialistas galegos situaríanse como a segunda forza e Vox quedaría fóra da Cámara autonómica, de acordo cos resultados dunha enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) difundidos este mércores.

O estudo preelectoral sobre as eleccións autonómicas de xullo estima un resultado similar ao dos anteriores comicios galegos, celebrados en setembro de 2016, para o partido de Alberto Núñez Feijóo, ao que concede un 46 por cento dos votos e que tiña nesta última lexislatura 41 representantes.

No caso do PSdeG, a formación que lidera Gonzalo Caballero subiría en polo menos dous escanos e, con entre 16 e 18 asentos, sería a segunda forza no Pazo do Hórreo sen disputa. Nas eleccións de 2016 logrou o mesmo número de escanos que En Marea (14), aínda que a porcentaxe de votos dos socialistas foi menor.

A división de En Marea (o grupo parlamentario rompeu hai un ano), que se presenta nesta ocasión unida a Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista, co liderado de Pancho Casal, déixaa fóra do hemiciclo, cunha estimación do 2,9 por cento dos votos.

FORTE SUBIDA DO BNG

Si obtería representación o proxecto encabezado por Antón Gómez-Reino, Galicia en Común-Anova Mareas, que sentaría a entre catro e seis dos seus representantes no Pazo do Hórreo e situaríase como cuarta forza, por detrás do BNG.

A formación nacionalista, que concorre ás eleccións con Ana Pontón á fronte, rexistraría un forte ascenso e pasaría de seis a entre 12 e 14 escanos.

As estimacións do CIS apuntan a que nin Marea Galeguista (que sería quinta forza) nin Cidadáns nin Vox lograrán sentar a ningún dos seus representantes no Parlamento de Galicia na próxima lexislatura.

A candidatura liderada por Pancho Casal lograría o 2,9 por cento dos votos. A continuación, cun 2,2 por cento das papeletas, estaría Ciudadanos, cuxo proxecto lidera Beatriz Pino, e como sétima opción aparece Vox, que tería o 1,4 por cento dos votos en Galicia. O PACMA, pola súa banda, lograría o 0,9 por cento.

O 31,6% NON SABE A QUEN VOTARÁ

A enquisa recolle tamén que hai unha elevada porcentaxe de persoas que manifestaron non saber que opción votarán, un 31,6 por cento; mentres que un 9,9 por cento preferiu non contestar; un 4,2 por cento indicou que se absterá; un 1,4 por cento prevé votar en branco; un 0,5 por cento, nulo; e un 0,3 por cento, a outros partidos.

Os datos desagregados por provincias mostran que o PPdeG obtería 13 escanos pola Coruña, entre 10 e 11 por Pontevedra e entre oito e nove tanto en Lugo como en Ourense. O PSdeG lograría cinco na primeira das circunscricións e outro cinco na segunda, mentres que nas dúas últimas chegaría a entre tres e catro.

No caso do BNG, sentaría en Ou Hórreo a entre catro e cinco representantes pola Coruña; a catro por Pontevedra; a entre dous e tres por Lugo e a dous por Ourense. A Coruña tería entre dous e tres representantes de Galicia en Común-Anova Mareas; Pontevedra tería dous; e Ourense entre cero e un. Esta formación non obtería escanos en Lugo, segundo o CIS.

Feijóo nun mitin en Lugo
Feijóo nun mitin en Lugo | Fonte: ppdegalicia.com

VALORACIÓNS

O BNG manifestou que a enquisa que "importa" é a das urnas, pero cre que a do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), segundo a cal a formación nacionalista pasaría de seis a entre 12 e 14 escanos, apunta "tendencias".

A coordinadora da campaña electoral, Goretti Sanmartín, subliñou que tanto esta enquisa como outras mostran que o BNG "é a forza que máis sobe en apoios e que a candidatura que encabeza Ana Pontón é a que máis entusiasmo xera entre a cidadanía que quere un cambio real, un cambio galego". "Hai partido e o BNG sae a gañalo con vocación de liderar a alternativa a Feijóo", manifestou. Ademais, sostivo que "é posible, por primeira vez na historia, ter unha muller e unha nacionalista liderando a Presidencia deste país".

A coordinadora da campaña electoral do BNG móstrase tamén convencida de que "o cambio galego será unha realidade na noite electoral se todas as persoas que din as enquisas que queren ese cambio, que queren deixar atrás unha Galicia decadente e estancada tras once anos do goberno de Feijóo, mobilízanse masivamente nas urnas optando polo BNG".

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, destacou que a súa formación "lidera a maioría de esquerdas" segundo a enquisa de intención de voto nas eleccións galegas do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que apunta que a formación pasaría de 14 a entre 16 e 18 escanos, e comprometeu que "dará o cambio que necesita" Galicia. En concreto, a sondaxe sinalou que o PPdeG obtería, por cuarta vez, unha maioría absoluta no Parlamento galego nos comicios do 12 de xullo, con entre 40 e 42 escanos dos 75 cos que conta a Cámara..

O candidato de Galicia En Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, asegurou que a enquisa de intención de voto para as eleccións galegas do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) mostra que Galicia "está a un paso do cambio" se se mobiliza o voto do bloque de esquerdas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

6 T9sP

Ninguén vai votar por Ana Pontón, será boa candidata, pero detrás ten a UPG de Rego, fun programa de colonización portuguesa.

5 Isma

Ou presidenta ou emigración. En 4 anos xa será tarde. O meu futuro laboral depende dos galegos. Tamén vos digo que se o narcopresidente volve a gañar a Galiza só voltarei polo nadal.

4 Bonsai Atlántico

Hai quen se pregunta como Trump pode repetir mandato en USA. Pero, como pode un presidente neocon coma o galego ser elixido catro veces? Que anomalía patolóxica permite ó pobo galego seguir votándoo de xeito asoballante durante 16 anos? Somos galegos e temos que reflexionar. Por que se manteñen inmutables as mentalidades trogloditas que levan séculos manténdonos varados no bonsai atlántico? Algo pasa cos galegos. Se o CIS ten razón non parece que sexamos quen de espertar do noso soño, ou máis ben pesadelo... Deberíamos facer que nolo mirase algún médico; non sei se é un problema nos cromosomas sociais ou de pasotismo irresponsable. En todo caso, NON É NORMAL que en Galicia non poida haber alternancia. Como dixo Mercedes Sosa, na vida e no mundo todo cambia... menos en Galicia.

1 Braisiño

A resposta é : Existe unha oposición medianamente intelixente? Non é normal que, cos 11 anos peores da autonomía galega, volva a ser elixido Feijoo. A oposición pensa que se fai no Parlamento e xa está. Grave erro.

2 Alienao

Somos o paradigma da nova normalidade.

3 Charly

Hai unha rede tremenda de clientelismo. E no rural o PP ten moito predicamento. Por outra banda o PSdG leva un candidato que non coñecen nin na súa casa e mais aburrido ca un concerto de Pablo Alborán.

1 hahhahah mexome contigo

Mais aburrido que Pablo Alborán!!! Pois si.... é un "sin sal" Esperemos que todo o mundo poida coñecer a Ana Pontón, seguro que de ser así votarán BNG

2 galeguiña

Á lista de desastres e culpas de Feijóo, hai que engadir o Coronavirus,, que foi deseñado e ceibado a pacer en Monte Pío. Ademáis diso, o dos Peares tamén é responsable indirecto da morte de Floyd, xa que non apoia a creación dunha xenuina Policiía Autonómica Republicana Antiracista Galega. A morte de Ruíz Zafón por mor do cancro é imputable a Feijóo polos recortes na sanidade pública; se non fose así, este home teríase tratado con éxito nun hospital galego. Por riba destas actuacións e omisións destaca o feito da crise económica e social que temos ás portas, claramente culpa de Feijóo xa que, se todo isto non acontecese, non habería crisis, o PP non acadaría a ¡¡¡4ª Maioría Absoluta!!!, gobernaría o BNJÉ,JÉ,JÉ, Galicia sería unha nación independente e todos seríamos ricos, guapos e mais altos.