Antón Sánchez esixe á Xunta cumprir a condena sobre a documentación da fusión das caixas: "Pasaron 48 horas"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu unha "vulneración" dos dereitos constitucionais do deputado por non facilitarlle a información solicitada".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/06/2020 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O protavoz do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, esixiu á Xunta que cumpra a condena do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na que se recoñece unha "vulneración" dos dereitos constitucionais do deputado por non facilitarlle a información solicitada sobre a fusión das caixas de aforros galegas. Así, advirte de que "xa pasaron 48 horas" desde que transcendeu o fallo xudicial e lembrou que se trata dunha cuestión de "vontade política" que se pode resolver "en cinco minutos".

O portavoz do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez.
O portavoz do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez.

Antón Sánchez insistiu en que a Xunta "ten que entregar a documentación" e sostivo que o contrario só pode responder a que "teña algo que ocultar". Así, esixiulle que deposite na Cámara galega os dous informes que reclamou sobre a fusión, "antes das eleccións do 12 de xullo", co fin de que a "cidadanía vote sabendo toda a verdade".

Concretamente, Antón Sánchez solicitou o informe da proposta da fusión das caixas de aforros (Caixanova e Caixa Galicia) da entón conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, así como a acta da reunión de secretarios xerais previa ao Consello da Xunta no que se autorizou a fusión. "Trátase de dous documentos fundamentais sobre este proceso que se esconderon", avisou, e sobre os que o TSXG sentenciou que a Xunta debe entregar ao deputado autonómico.

A petición desta documentación remóntase a 2013, cando se activou a comisión de investigación das caixas de aforros, o proceso de fusión e bancarización e as indemnizacións millonarias ás súas exdirectivos, que na Xustiza levaron á condena de varios membros das cúpulas das entidades de aforro.

Antón Sánchez adiantou, ademais, que en canto lle chegue, se se confirma a entrega, a documentación, faraa "pública en cinco minutos" para que a coñeza toda a cidadanía. Ademais, reprobou que a Xunta "tratou de paralizar o proceso xudicial dando parte da información solicitada --como a carta de encarga da análise realizada pola auditora--, pero non deu a que se demandaba".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta