Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2020 | Actualizada ás 09:00
Da necesidade mesma de contar outras historias de mulleres nace Crónica dunha heterosexual insatisfeita, unha obra de teatro que está a piques de estrearse en Santiago de Compostela, este 4 e 5 de xullo, ás 20:30h e ás 19:00h respectivamente, por parte da compañía Verdeveras expresións artísticas en colaboración co Centro Dramático Galego. Así é como o Salón Teatro reabre as súas portas logo destes meses sen actividade. Faino ao 75% do seu aforo máximo e coa obrigatoriedade do uso de máscara e demais medidas sanitarias para garantir a seguridade de quen vaia gozar do espectáculo.
Creado e interpretado por María Ángeles Iglesias, este novo proxecto de Verdeveras buca "poñer unha muller nunha situación diferente". Quen sobe ao escenario é unha muller que rolda os 40 anos de idade e que se atopa nun momento de dúbidas e de camiñar outros camiños ata daquela inexplorados. A sexualidade, a maternidade, os desexos, o matrimonio, a fidelidade, o dereito á disidencia... son os fíos cos que se vai tecendo esta proposta teatral. "Ela -explica Iglesias sobre a protagonista- defínese a si mesma como unha muller normal, que case por accidente se decata de que se está facendo vella e de que hai moitas cousas do seu corpo e do seu desexo que non coñece; por iso decide dar un paso adiante para revisar a súa vida e a súa sexualidade. Calquera idade é boa para probar, para redescubrirse no camiño que cada unha decida", reivindica.
AS MULLERES NO CENTRO DA PROPOSTA
Calquera momento pode ser o adecuado para dar renda solta a esas fantasías que quedaban por cumprir. Co dereito a ser incoherentes e dubidar como reivindicación, "Crónica dunha heterosexual insatisfeita" quere "convidarnos a reflexionar sobre normas ou parámetros preestablecidos que facemos propios sen pensar se hai unha opción diferente que teña máis que ver con nós mesmas". A intención última é poñer luz sobre aquilo que está oculto, e facelo mediante unha potente ferramenta que tamén entrelaza e dá forma a todo o espectáculo: o humor.
"É importante a posiblidade de rir", explica Iglesias, que recoñece devecer polas comedias que permiten rir e pensar ao mesmo tempo. Lonxe de presentarse como vítima, a muller que sobe ao escenario "sae vitoriosa" dese seu gran momento persoal que atravesa e do que todas as persoas espectadoras pasan a ser directas testemuñas. Redescúbrese, proba, e faino con alegría, desde o humor.
Unha vez máis e como xa é habitual nas creacións teatrais de María Ángeles Iglesias, "as mulleres están no centro da proposta". "Mulleres con discurso propio e con ganas de falar do que lles pasa, do que cren, do que senten e do que desexan. Mulleres fóra do socialmente aceptado e establecido pero ao mesmo tempo reais e recoñecibles". En definitiva, mulleres diversas que saen a escena da man dos seus diversos mundos interiores. Neste caso, esta muller non só denuncia, senón que resolve e se transforma. "Non é referente feminino nin pretende selo. É simplemente unha muller que decide cambiar algo do que é en lugar de queimalo todo". Un camiño no medio de centos posibles.
EXPOSICIÓN ITINERANTE
A proposta teatral de Crónica dunha heterosexual insatisfeita percorre os sentidos tamén da man da música do cantautor Tato López e da ilustración de Xoana Almar (Cestola na Cachola), Rebe Cierto, Alejandra Lorenzo, Cristina G. Cao e Raquel Germade. Estas cinco ilustradoras foron as encargadas da creación da exposición itinerante "Superheroínas" que acompaña a peza teatral. Co gallo de "dar novos significados á historia", estoutra proposta, que poderá visitarse ás portas do teatro, pretende "repensar a imaxe da superheroína e crear outras que respondan aos ideais nos que cremos".
"Non nos sentimos cómodas - fala Iglesias - coa idea de muller que pode con todo, pero sabemos que hai poucas referentes de superheroinas femininas e interésanos explorar as súas formas, o imaxinario que espertan, os seus supostos poderes e as causas que defenden". Á fin do espectáculo, os espectadores tecerán ou non conexións entre a exposición e a obra teatral. "Que a xente se faga a súa propia película tamén é moi interesante!", conclúe Iglesias.
O QUINTO ESPECTÁCULO
Verdeveras Expresións Artísticas naceu en 2010 en Santiago de Compostela da man de Tato López (músico-cantautor) e María Ángeles Iglesias (actriz). Crónica dunha heterosexual insatisfeita é o seu cuarto espectáculo, tras o debut en 2011 con Tacóns na corda e os posteriores Desalmad@s (2014) e o infantil Un lugar chamado mundo (2016).
As localidades para a función da coprodución co CDG póñense á venda de xeito anticipado na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. Así mesmo, no despacho de billetes poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo da representación. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, o sábado, e de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.