Unha investigación confirma a contaminación por metais pesados na ría de Muros-Noia pola mina de San Finx

Plademar Muros-Noia esixe máis investigación para coñecer de forma precisa o impacto que contaminación mineira está tendo sobre a ría e adoptar medidas cautelares.

Por Galicia Confidencial | Noia | 29/06/2020 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

A revista científica “Quaternary International” ven de publicar os resultados dunha investigación realizada por científicos da Universidade de Vigo sobre os impactos da actividade humana sobre a ría de Muros-Noia. O estudo, que analizou testigos de sedimento da parte media da ría, encontrou evidencia que demostra que a contaminación da ría por metais pesados está directamente vinculada á actividade mineira en San Finx.

Contaminación do rego de San Fins, en Lousame / ADEGA Contaminación do rego de San Fins, en Lousame / ADEGA
Contaminación do rego de San Fins, en Lousame / ADEGA Contaminación do rego de San Fins, en Lousame / ADEGA

Segundo recolle o estudo, no fin do século XIX prodúcese un primeiro pico histórico nas concentracións de cobre, cinc e chumbo, debido ao inicio da actividade, mentres que ao longo do século XX os aumentos significativos de contaminación por estes metais están vinculados cos momentos de máxima producción nestas minas de Lousame, situadas a tan só 7 km da ría.

A contaminación non desapareceu no tempo a pesar de que a mina estivo sen actividade económica desde 1990 ata 2009, dado que as galerías de desaugue continuaron vertendo uns 50. 000 litros de auga contaminada por metais pesados cada hora, as 24 horas do días, os 365 días do ano, ao que se suma a contaminación derivada das escombreiras e das presas de residuos mineiros abandonadas.

Este estudo ven a confirmar outro publicado anteriormente en 2013 na revista “Scientia Marina” por un equipo do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, liderado polo profesor Ricardo Prego, e que xa evidenciara os altos niveis de cobre presentes na zona da desembocadura do río Traba, contaminado polas drenaxes das minas de San Finx.

INVESTIGACIÓN

Tras coñecerse este estudo, PLADEMAR alertar que as mostras destes estudos foron tomadas antes do reinicio da actividade mineira en 2009 de modo que, sinala, "se descoñece aínda hoxe os impactos causados durante a última década, particularmente nas zonas máis próximas á desembocadura do Traba". Por iso, esixe á Administración que se promova un estudo para coñecer de forma precisa o impacto que contaminación mineira está tendo sobre a ría, de modo que se adopten decisións informadas que poidan previr futuras afectaccións aos bancos de marisqueo.

Nese mesmo sentido, lembra que "existen técnicas comprobadas e utilizadas noutras partes do mundo que impedirían de forma inmediata a continuidade das verteduras de augas residuais de mina, incluíndo o recheo de labores subterráneas (“backfilling”), o selado de galerías de desaugue mediante ‘bulkheads’ e o taponado de pozos e chemineas de ventilación". Isto permitiría a reinundación das plantas baleiradas desde 2009 e crear condicións anaerobias que minimicen os procesos de xeración de drenaxes ácidas de mina, aseguran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

Estes son os resultados da falla de polícas públicas.