Os autores da pancarta contra Feijóo nos Peares denuncian presións: "hai unha caza de bruxas ordenada polos de arriba"

"Os veciños fieis ó partido xa están buscando culpables", aseguran os responsables, que prefiren manterse no anonimato para evitar ser sinalados. Afirman que as aparicións de Feijóo na vila van acompañadas dunha "montaxe": "traen persoas de fóra para que falen ben del e fanas pasar por xente do pobo".

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2020 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

Os Peares é un pequeno núcleo de poboación do centro de Galicia coñecido pola súa singular distribución territorial -tres ríos dividen o pobo en catro concellos de dúas provincias- e por ser o lugar onde Alberto Núñez Feijóo pasou a súa infancia, unha circunstancia que o Presidente da Xunta se esforza en subliñar cada vez que tocan eleccións autonómicas. O pasado venres 26, Feijóo botou man dunha fórmula estreada nos comicios pasados e escolleu dar comezo á campaña da Covid nunha vila que, ademais de paraxe da infancia, serviulle ó 'popular' como feudo electoral no que darse un baño de masas de cara ó 12X.

Pancartas a favor e en contra de Feijóo nos Peares
Pancartas a favor e en contra de Feijóo nos Peares | Fonte: Morris Durán

Este apoio veciñal, que ata agora semellaba absoluto, foi rachado uns días atrás pola aparición dunha pancarta coa que unha porción de habitantes do pobo querían defender que o presidente "non os representa". Detrás deste cartel, que foi situado á par doutro cunha consigna en favor do mandatario, está unha plataforma de veciños que se din "cansos" da "instrumentalización" que o candidato popular fai da vila: "só vén en campaña e con cámaras", apuntan en redes sociais baixo o nome "A Voz dos Peares".

“ACOSO”

A confrontación, que nun comezo parecía tomar trazos anecdóticos, axiña derivou nunha resposta aceda contra os responsables da pancarta, que denuncian estar a sufrir o "acoso" dun pequeno grupo de veciños vencellados ó PP. "Teñen ós seus fieis mandando whatsapps para descubrir os culpables", apunta un membro da plataforma, que prefire permanecer anónimo ante o clima de "crispación" que se respira na vila. "Hai unha caza de bruxas ordenada polos de arriba", testemuña.

A pancarta, colgada pouco antes da visita de Feijóo, "puxo nerviosa a moita xente", segundo asegura a Galicia Confidencial a mesma fonte, que relata a presenza dun dos 4 alcaldes da vila -todos do PP- "falando por teléfono con xesto preocupado" ante o cartel. Ó día seguinte, Os Peares amenceu cun gran número de pósteres propagandísticos en defensa de Feijóo. "Empapelaron o pobo nunha noite", explica a fonte, que non oculta a súa sorpresa pola celeridade que tomou a resposta. Á marxe, asegura, houbo presións “dos de arriba” ós veciños "fieis" ó partido para que botasen abaixo o letreiro, cousa que finalmente non aconteceu.

“MONTAXE” 

A resposta veciñal á “instrumentalización” do pobo viña fraguándose dende o anuncio de eleccións a comezos de ano. “Supoñiamos que ía pasar como na anterior campaña, cando se presentou cun séquito de cámaras”, sinala a fonte da asociación, que amosa a súa desconfianza cara ó respaldo absoluto que se deixa entrever ao paso do líder ‘popular’ na vila. “Carretan a moita xente de fóra para facer vulto, é unha montaxe para facer que se sinta cómodo”, asegura o membro da plataforma. “Moitos dos que falan nos vídeos de campaña non son de aquí. Gravan a xente que nunca se viu no pobo falando ben de Feijóo no bar”, insiste.

Dende a plataforma consideran que o “acoso” sufrido está instigado directamente polo partido ante a ruptura dun “monocromatismo” rendibilizado por Feijóo, quen “vén a Os Peares a facerse pasar por un rapaz de aldea cando non ten casa na vila”, aseguran. Neste aspecto, os veciños ‘disidentes’ lamentan unha “persecución” máis propia dun “réxime totalitario”: “non estamos atacando a ninguén”, reflexionan, “tan só expresamos o noso pensamento”. Fronte a este clima de enfrontamento, reivindican a despolitización da vila: “O noso obxectivo é que Os Peares sexa coñecido polo que é, un enclave impresionante, e non por ser o feudo de Feijóo. Queremos uns Peares de todas as cores, libres de utilización política”.

Galicia Confidencial tentou contactar cos 4 alcaldes dos concellos que integran o pobo (A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Carballedo e Pantón) para contrastar a versión da plataforma. Tan só respostou o xefe do consistorio de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, que dixo non ter noticias das presións referidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Manuel..

Para ben e para mal, Feijóo SI que os representa, pois pa eso é o presidente da Xunta. Si non lles gusta, poden emigrar a Corea do Norte.

1 Dondelasdan

Bueno, ya sabemos lo que hay que hacer en el pueblo de Pontona.

1 Jorge

Algo está facendo ben o BNG para poñer ese comentario tan patético.

2 Dondelasdan

Mucho está haciendo bien el PP para que la siniestra se ponga tan nerviosa