En Común demanda a dimisión dos cargos da Xunta investigados pola reapertura da mina de San Finx

Martiño Noriega denuncia que Feijóo pon intereses económicos por diante dos intereses dos veciños.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2020 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

Galicia en Común demandou a dimisión dos cargos da Xunta que están a ser investigados xudicialmente pola reapertura da mina de San Finx, no municipio coruñés de Lousame, e a súa afectación nas augas que terminan na ría de Muros e Noia.

Este luns, o número tres da lista pola Coruña, Martiño Noriega, lembrou que o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, "debería levar máis dun ano apartado do seu cargo se o presidente da Xunta exercese realmente como presidente de todos os galegos".

"Unha vez máis, Feijóo pon intereses económicos por diante dos intereses dos veciños e segue apoiando a quen non cumpriu coas súas funcións de supervisión e control das explotacións mineiras", sinalou Noriega, que cre "inaceptable" que Tahoces continúe á fronte da Dirección Xeral cando "traballa polos intereses das grandes empresas que xeran un enorme impacto ambiental e ameazan a salubridade do país".

"Tahoces é o común denominador en proxectos que teñen os veciños en alerta e que levan os nomes de Touro, Monte Neme, Varilongo ou Toysal; proxectos nos que a Xunta tapa os ollos diante das evidencias de que só gañarán as firmas explotadoras e perderá a cidadanía", incidiu o exalcalde Teo e Santiago.

Mina de San Fins, en Lousame
Mina de San Fins, en Lousame

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta