O Aeroporto de Santiago volve recibir viaxeiros internacionais tres meses despois con fortes medidas de protección

Xunta e Concello ven os datos "alentadores" e lembran que Galicia é "un destino seguro" na reapertura da oficina de turismo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2020 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

O Aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela inicia este mércores un último paso de cara á reactivación da "nova normalidade" cos primeiros voos internacionais que o aeródromo recibe desde a declaración do estado de alarma pola pandemia de COVID-19.

O encargado de inaugurar a volta a Compostela dos turistas internacionais foi un avión de Ryanair procedente de Malta, que tomou terra sobre as 10:10 horas deste mércores e cuxos ocupantes foron recibidos entre protocolos de seguridade e hixiene e, como marca a nova normalidade, sen abrazos.

Asentos pechados para evitar aglomeracións, dispensadores de xel hidroalcohólico, carteis lembrando as medidas de protección ou limitación no uso dos ascensores para garantir a distancia son só algunhas das indicacións que deben cumprir os viaxeiros, aos que Aena tamén somete a un protocolo de seguridade, con toma de temperatura e cuestionario acerca do seu estado de saúde.

Todo iso vai encamiñado a garantir que Galicia sexa un "destino seguro" tras a reapertura este 1 de xullo do turismo internacional, do que o aeroporto de Santiago ten programado esta tarde outra ligazón, un voo de Ryanair procedente da cidade italiana de Bérgamo que ten prevista a chegada para as 20:10 horas.

APERTURA DA OFICINA DE TURISMO

Coincidindo coa reactivación do turismo internacional, este día 1 procedeuse á apertura da oficina de información turística do Concello de Santiago e a Xunta no Rosalía de Castro, pechada desde o mes de marzo.

O concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, asegurou que esta apertura supón "un paso máis de cara á normalización da situación do turismo", coa intención de que "a normalidade se vaia impondo paulatinamente". O edil afirmou que as noticias de ocupación dos voos internacionais a Compostela "son alentadoras" e confiou en que a volta do turismo sexa "unha volta segura", que faga de Galicia e de Santiago "un destino atractivo neste ano tan difícil para o sector".

O Aeroporto Rosalía de Castro de Santiago recibe os primeiros voos internacionais.
O Aeroporto Rosalía de Castro de Santiago recibe os primeiros voos internacionais. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta