Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2020 | Actualizada ás 19:08
O candidato á Presidencia da Xunta por Marea Galeguista, Pancho Casal, afirmou que a súa coalición "porá fin ao desmantelamento dos servizos públicos ourensáns", que están "na UCI". "Así non hai lexislatura do rural posible", advertiu.
O candidato denunciou a "estratexia" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "centralización e privatización da sanidade pública" e reivindicou a "necesidade de que os servizos e recursos retornen aos hospitais comarcais e non se centralicen todos nos grandes das cidades".
Casal chamou a recuperar o espírito de loita do 'Verín non se pecha' e alegrouse de que "recuara" no paridoiro e agora permita abrir os centros de día o 15, despois das eleccións, "unha nova mostra da súa improvisación e incertezas".
Casal volveu este venres, cando se alcanza o ecuador da campaña electoral, á localidade de Verín para manter unha reunión con persoal sanitario e onde estivo acompañado pola cabeza de lista pola provincia, Milagros Corral, quen afirmou que é preciso "blindar os servizos públicos no rural e reverter a centralización e privatización da sanidade na provincia de Ourense".
Curral insistiu en que Feijóo "fai e desfai a sanidade ourensá segundo estea en proceso electoral ou non". "Parece que hai que lembrarlle ao presidente da Xunta que as matronas non só axudan ás mulleres durante o embarazo, senón que supoñen un apoio fundamental na saúde feminina, posto que realizan citoloxías e asesoramento no día a día", indicou a candidata por Ourense.
Na súa intervención, tamén lamentou que despois de "case pechar o paridoiro deste hospital comarcal e deixar os nenos de Verín sen pediatra", agora quere "pechar o centro médico de Alvarellos polo baixo seguimento da súa política de centralización e deixando o rural sen servizos", para que o único recurso que quede á xente sexa "a sanidade privada".
ESTACIÓN
Doutra banda, Pancho Casal e Milagros Corral achegáronse este venres á estación de ferrocarril da cidade de Ourense, na que reclamaron "un tren digno" para a cidade das Burgas. "Temos que despolitizar o proxecto porque é algo fundamental", aseverou Corral, en referencia ao desenvolvemento da provincia, da cidade e do propio barrio.
"Non pode ser que se expoña unha intermodal sen contar cos veciños", apuntou, pola súa banda, Pancho Casal, quen defendeu as propostas de "permeabilidade entre barrios" como defende a plataforma Tren Digno, unindo as zonas da Ponte e O Vinteún.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.