Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 05/07/2020
Porque é evidente que ao BNG, PSdeG e Galicia en Común custaríalles menos de dúas horas porse dacordo nun programa potente para os vindeiros catro anos canto á potenciación dos servizos públicos sanitarios, educativos, sociais e de dependencia e coidados, á promoción do desenvolvemento empresarial dende parámetros de respecto polo territorio e ambiente e á defensa da nosa lingua e cultura.
Mais a regra D´Hondt é deturpante a respecto da vontade da cidadanía galega. Pensemos que no 2005 PSdeG e BNG xuntaron 134.000 votos máis ca o PP e só tiveron 38 deputados fronte aos 37 populares. No 2009 BNG e PSdeG xuntaron 5.000 votos máis ca o PP e tiveron un deputado menos (38 vs. 37 deputados).
O problema é que non se pode loitar electoralmente contra dunha forza por riba do 40-42% (mínimos que atinxirá o PP o 12-X) desde tres forzas que acadan valores superiores ao 8% e inferiores ao 20%. Collan o número de deputados polas catro circunscricións (25 pola Coruña, 22 por Pontevedra e cadanseus 14 por Lugo e máis por Ourense) e verán como a alternativa plural de centro-esquerda pode facer un pan coma unhas hostias de non ser que haxa unha forza que acade unha certa diferenza a respecto das demáis, como pasou no 2005.
Nesta andaina, das tres forzas políticas atinxidas para gañarmos a alternativa, PSdeG e Galicia en Común seguen o ronsel institucional dun Goberno do Estado recentralizante e pouco coñecedor dos problemas deste País. Velaí que a tendencia que se está a abrir nas enquisas (que o BNG de Ana Pontón poida dar o sorpasso non só a respecto de Galicia en Común, senón mesmo a respecto do PSdeG) e consolide unha certa vantaxe a respecto do PSdeG pode moi ben ser a derradeira posibilidade de cambio galego o vindeiro 12-X.Porque repenicar o esquema do 2016 (14 deputados á segunda forza, 14 á terceira e 6 á cuarta) leva nidiamente aos 41 deputados do PP, maioría absoluta a respecto dos 75 deputados do Parlamento de Galicia.
O 12-X, na escolla das tres forzas políticas que son alternativa ao PP, un substancial incremento das escollas a prol de Ana Pontón (BNG), como Presidenta alternativa preferida nas enquisas, pode definir a saída de Feijóo da Xunta cun aforro a respecto do panorama debuxado nas últimas enquisas dalgunhas ducias de milleiros de votos.