Mais as sucesivas Memorías da Fiscalía foron acollidas só con boas `palabras por parte de todos os partidos con representación parlamentaria, sen que ninguén fixese uso de cadansúa iniciativa lexislativa para transladar á lexislación galega as recomendacións da Fiscalía Superior galega e destas institucións internacionais. Semella que a algúns non lles interesa e aos outros non lles semella importante, quizais por pensar que a corrupción é consubstancial ao sistema.
Semella que este baleiro normativo encherase no futuro, xa que o sábado foi presentada no Parlamento unha iniciativa lexislativa popular, que será debatida aló por primeiros de verán, sempre que os seus promotores, pertencentes á dirección nacional do partido Compromiso por Galicia (CxG), sexan quén de acadar as 15.000 sinaturas que esixe o Dereito galego para que esta caste de iniciativas poida chegar ao debate no Pleno do Parlamento.
A nova proposta lexislativa introduce a limitación a dous mandatos dos cargos públicos en Galicia, xunto coa obrigatoriedade da declaración anual de bens e intereses de todos os cargos públicos e representativos e a implantación dun referendo revogatorio á metade da lexislatura no que a cidadanía podería revogar o mandato conferido dous anos antes. Tamén se recollen limitacións de contía máximas na acumulación de contratos administrativos adxudicados negociadamente, isto é sen concurso ou subhasta. E proponse a creación dun Consello de Prevención da Corrupción seguindo o modelo portugués, só orientado á prevención das actividades de risco a respecto da corrupción.
As forzas políticas galegas terán, xa que logo, unha boa ocasión para demostrar que a loita contra a corrupción é para elas algo máis ca unha ladaíña. Porque a corrupción política é, xa, unha das principais preocupacións da cidadanía galega.
A arrincadeira: non no Estado de Dereito
Mais a loita contra a corrupción non xustifica excesos como a presentación xudicial, esposado polos pulsos, do ex-concelleiro compostelán Albino Aldrey. Non existía risco de fuga nin de agresión que xustificase este trato degradante. Suspenso para os axentes que trataron este cidadán dun xeito tan desaquelado.