Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2020 | Actualizada ás 11:37
A néboa da incerteza que dende fai meses pende sobre o mundo do teatro podería comezar a disiparse. É o que se desprende do anuncio dos responsables da Mostra Internacional de Teatro de Rivadavia, que reportan un seguimento do "100%" por parte do público, unha "resposta contundente" a nivel de "interese e respaldo" a un evento destas características.
A ponderación do certame ourensá chega cando vén de superarse o ecuador do mesmo, disposto entre o 17 e o 27 deste mes de xullo. Dende a organización instan a continuar con esta senda de afluencia que podería marcar o inicio da fin destes meses de dúbidas que prevían un negro futuro para a profesión dramatúrxica.
Neste aspecto, subliñan a boa consideración por parte do público a respecto dos espectáculos desenvoltos e os seus creadores, con nomes de relevancia no gremio como a galardoada co Premio de Honra da MIT, Marta Pazos, como Agnés Mateus e Quim Tarrida (Rebota, rebota y en tu cara explota) , Noemí Rodríguez e Andrea Jiménez (Teatro en Vilo), entre outros.
TEATRO CONTEMPORÁNEO
A segunda metade da mostra, antes da fin de semana, os espectadores terán a oportunidade de comprobar a faceta máis contemporánea da MIT, con obras coma Tierras del Sud, unha peza de carácter documental con carga poética, que incita a reflexionar sobre a estreita relación existente entre as grandes fortunas estranxeiras e a barbarie sobre os pobos orixinarios latinoamericanos, co desenvolvemento de novas formas de colonialismo e as diversas expresións da cultura contemporánea.
Dende a organización lembran que o horario de venda de entradas vai das 10:00 ás 14:00 e das 18:00 ás 20:30, á parte de estaren dispoñibles ó público en ataquilla.com.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.