Por Galicia Confidencial | Allariz | 01/04/2025 | Actualizada ás 09:00
Chega unha nova edición dos 'Roteiros Temáticos' que organiza a Área de Promoción Económica e Turismo do Concello de Allariz. Unha experiencia moi recomendable con visitas guiadas que buscan ofrecer unha experiencia única e enriquecedora tanto aos turistas como aos residentes da localidade.
A concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo, María López, estivo acompañada na presentación por Manuel Gallego e Noemí Álvarez, representantes da empresa local Xeitura, que será a encargada de realizar os roteiros. María López destacou a súa satisfacción pola continuidade desta proposta, "que pon en valor a riqueza cultural, histórica e patrimonial de Allariz, un dos destinos máis emblemáticos de Galicia".
ROTEIROS TEMÁTICOS
Allariz en tempos do Románico: Percorrido pola vila en clave medieval e románica, destacando as igrexas de Santiago, Vilanova e Santo Estevo. As visitas serán interiores, sempre que as condicións o permitan.
Personaxes senlleiras: Luis Cid Carriega: Descubre a historia do deportista máis famoso de Allariz, visitando a súa casa natal e a vivenda onde viviu, coas súas pertenzas persoais e despacho.
Castelo de Allariz (2 roteiros): Trátase dun dos emblemas históricos da vila. Esta visitas ofrecerán aos participantes a oportunidade de descubrir os segredos e a historia medieval deste importante espazo, que destaca polo seu valor arquitectónico e a súa conexión coa historia medieval de Allariz.Temén se poderá gozar das vistas espectaculares desde o Outeiro.
Paseo Muiños e Curtidurías (2 roteiros): Un paseo ao longo do río Arnoia, onde se explicará o funcionamento dos muíños e as fábricas de curtidos, que foron fundamentais para o motor económico da vila.
Escritores de Allariz: Un roteiro centrado nos grandes escritores vinculados á vila, como o Padre Feijoo, Vicente Risco, Alfredo Conde e outros, guiando aos participantes a través das súas obras.
Visitas culturais: Roteiros máis clásicos que ofrecerán un coñecemento xeral sobre a historia e cultura de Allariz.
As visitas, cun límite de 20 persoas por grupo, terán un custo de 3 euros sen tarxeta cidadá e 2 euros con tarxeta cidadá. A duración estimada de cada visita será de 90 minutos, con saída e chegada desde a Oficina Municipal de Turismo. Realizaranse o terceiro sábado de mes, agás en xuño ,que será no primeiro.
INFORMACIÓN A MAIORES E RESERVAS
Para máis detalles e para realizar reservas, consulta www.allariz.gal/turismo ou segue as redes sociais de @turismodeallariz. As inscricións están dispoñibles no correo turismo@xeitura.com ou no teléfono 609 474 976.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.