Un Apóstolo atípico: menos xente, protestas por non ver os reis e enfado entre peregrinos polo peche do Obradoiro

As medidas de prevención contra a COVID-19 e unha menor presenza de veciños e visitantes nas rúas do casco antigo marcan o 25 de xullo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/07/2020 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

Santiago celebra este sábado o seu día grande, o do Apóstolo, dunha forma atípica, marcada polas medidas de prevención contra a COVID-19 e unha menor presenza de veciños e visitantes nas rúas do casco antigo. Nos accesos a varias das prazas máis concorridas da cidade mesturábanse persoas que querían achegarse aos reis e peregrinos decepcionados por non poder entrar ao Obradoiro debido ás medidas de seguridade despregadas pola presenza de don Felipe e dona Letizia.

Felipe VI e Letizia Ortiz, na catedral de Santiago no Día do Apóstolo, marcado polas medidas de seguridade pola pandemia de Covid-19
Felipe VI e Letizia Ortiz, na catedral de Santiago no Día do Apóstolo, marcado polas medidas de seguridade pola pandemia de Covid-19 | Fonte: Catedral de Santiago de Compostela.

Un paseo polas rúas da zona vella mostraba esta mañá unha cidade máis baleira do habitual nesta época festiva, con terrazas que empezaban a recibir os primeiros clientes e un ritmo pausado fóra das vías principais.

Os reis de España estiveron presentes na Ofrenda ao Apóstolo Santiago, que tivo lugar ás 11,00 horas na igrexa de San Martiño Pinario. Na rúa que dá entrada á praza de San Miguel dos Agros, desde onde se accede a este templo, apiñábanse cara ás 10,30 horas decenas de persoas para tratar de ver aos reis.

Axentes da Policía Nacional impedíanlles aproximarse máis, o que provocou protestas. "A miña filla de sete anos di que quere ver á raíña e desde aquí non a vai a ver", queixouse unha muller.

Os presentes, algúns deles con bandeiras de España, gritaron en varias ocasións "Viva España! Viva o rei!" ou "Queremos pasar". Tamén acordaron entre eles pedir que se movese unha furgoneta da TVG que tapaba parcialmente a visión da igrexa e recibiron con aplausos o xesto do traballador que recolocou o vehículo.

Nas inmediacións da praza de Praterías, unha muller que se desprazou desde Vigo a Santiago co obxectivo de mostrar o seu "apoio" aos reis buscaba un punto desde o que ver pasar a don Felipe e dona Letizia. O mesmo axente que lle comunicou que non podía continuar cara ao Obradoiro desde ese punto informou a continuación a un grupo de tres peregrinos procedentes de Huelva de que non poderían gozar aínda da vista da fachada principal da catedral.

Como outros turistas, descoñecían que os reis ían estar na Ofrenda e que a cidade establecería controis e restricións. "Acabamos de chegar, estamos cansos e non nos podemos tombar no Obradoiro", protestou un deles, que destacou que moitos dos que fan o Camiño calculan as datas para chegar o día do Apóstolo.

PEREGRINOS DE ESPAÑA E DOUTROS PAÍSES

Preto de alí, outro grupo que, como os anteriores, acababa de finalizar o Camiño Primitivo, mostrou o seu descontento polo peche de varios espazos no casco antigo debido á visita dos reis. Álex, procedente de Bilbao, indicou que lle parece "mal" que se faga "todo isto por unha soa persoa".

Coa relaxación das restricións para viaxar, Santiago recibe xa viaxeiros de diferentes partes de España e do estranxeiro. Indiferentes á visita real, dous peregrinos daneses descansaban nunha escaleira, á espera de poder visitar o interior da catedral.

Das prazas que rodean a catedral compostelá unicamente Praterías e A Quintana admitían visitantes esta mañá. Nesta última, de feito, decenas de persoas asistiron a un espectáculo dos tradicionais cabezudos, que este ano, debido ás precaucións contra a COVID-19, non percorren as rúas, senón que se poden ver sobre o escenario.

Os axentes despregados na zona vella prevían que as restricións se levantarían cara ao mediodía, cando terminasen os actos da Ofrenda ao Apóstolo. Preto do Obradoiro, un grupo de membros do sindicato de enfermaría Satse paseaban para facer tempo antes de poder visitar as zonas máis próximas á catedral e San Martiño Pinario.

Estes peregrinos, procedentes de Xaén, xa coñecían as limitacións coas que se atoparían, que atribuíron en parte á crise sanitaria, e mostráronse comprensivos. "A nós tocounos de preto o becho", comentou un deles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Ana

Co conto do Coronatimo van arruinar por completo o turismo e a pouca industria que queda. Eu se fose inglesa ou alemana non viña de turista a un pais donde me obrigan a por o bozal ou ir a praias parceladas. Logo, cando a economia se arruine, todos a vivir coa "paguiña" miserable que de o goberno. Mais a poboacion non o quere ver, non queren ver que estan sendo arruinados e controlados co conto do "virus" e por iso non se preocupan por informase e defender as suas liberdades. E a maioria correran obedientes a por a vacuna cando lles digan.

1 Realpolitik

Pásate polas unidades covid dos hospitais galegos e dalles bicos ós doentes, magufa. Os conspiranoicos sí que sodes un virus, o da incultura científica. JL de Mundo Desconocido tiña que ser o teu médico de cabeceira en caso de urxencia...

2 Gamela

O botafumeiro independentista segue a funcionar... (esta segue sendo a nosa Cruz dos Farrapos!) https://youtu.be/SO4DmH9np9c

1 Requiário

A paranoia securitária do regime leva a impedir o achegamento dessas dezenas de partidários da corrupta monarquia. Bem, imos bem