GC Aberto

Arredismo, outra Galiza

Sen auga e sen monte, para que queremos patria? Mentres ondean as bandeiras, estreladas ou coroadas dun santo grial nas sete provincias antergas, Monterrei arde en lapas de miseria pasteira

Por gcaberto | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2020

Comparte esta noticia

Sen auga e sen monte, para que queremos patria?. Mentres ondean as bandeiras, estreladas ou coroadas dun santo grial nas sete provincias antergas, Monterrei arde en lapas de miseria pasteira. No corazón dese inferno folgado pola industria do lume, cantemos o himno que eternamente pergunta que din os rumorosos na costa verdecente. Escuitade, siareiros do Celta e do Depor, setecentos campos de futebol pasto das cinzas!. Que teremos de celebrar?. Quen ascendeu ou pasou a segunda B? Setecentos campos de futebol nun só día. E a costa verdecente como unha ratoeira apocalítica.

Incendio Viana do Bolo
Incendio Viana do Bolo | Fonte: @BrifLaza

Entrementres, o rei do pecha España oficia unha misa de botafumeiro cos prohomes autonomistas do merchandising cultureta do sentidiño, no país das mil e unha piscinas privadas a carón do mar, das mil e unha piscifactorías lobísticas das rías, dos mil e un ríos hidroeletrizados. Ao tempo, uns independentistas agardan unha condea de anos de cadea por exercer os seus dereitos políticos. Galegos sen militancia, xa de volta de todas as idas, senten nas proprias carnes que a penas fica nada a celebrar. Orfos de patria e matria, repudiados polas esencias xebres dunha e outra cor, nunca chegaron a ser de abondo para ter entidade nacional. Fan longas fileiras á porta das administracións, invisibeis, indocumentados, inermes, patriotas dun estómago sempre baleiro. Eu son honrado, nunca pasei fame... Elitista conciencia nacional  filla dun romantismo caduco, esa que evita baixar aos arrabaldos das vilas ou aos casoupos das aldeas minifundiarias. Mais non é dina dos ósos de seus fillos, patria que os non mantén. 

Pessoa cría que os portugueses non se podían conformar, cando eran verdadeiros portugueses, cunha soa personalidade nin con unha soa maneira de pensar. Non é tempo de esencias mais tampouco de indefinicións. 

A política sueva de organización territorial artellou Galiza en parroquias libertarias sumetidas ao poder señorial que ao se colonizar perderon o seu ser comunitario para se aculturizar e darse políticamente aos escribáns e capeláns. Foi o Devalar que iluminou Pedrayo. Carvalho Calero dicía que Otero tiña de común con el o desinteresse pola política. Hoxe enxergamos a que aludía con ese desinterese. Otero non era o que entendemos por un home de esquerdas e menos progresista, no que ten ao desenrolismo urbano. Os camiños da vida espellan un canto á fidalguía, á esencia da Galiza no rural, na encrucillada da aldea, na simbiose do ser galego coa paisaxe como unha sorte de siamesismo ancestral. Non se trata de facermonos oteriáns mais si de integrar na defensa da independencia  o alicerce da ruralidade como esquelete da nazón. Non desboto que precisemos dun agrarismo pondaliano para abalar os foros de hoxe. 

Eis aí unha das diferenzas fundamentais entre nacionalismo e arredismo. No arredismo non entra a modernización do rural, a industrialización capitalista do agro. Non entra o produtivismo da vaca adúltera e do peixe sapo escocés piscifactorizado de Galiza calidade. Non entra o aluminio eletrointensivo de Alcoa, nin sequera nacionalizado, porque só ten de vermello a balsa tóxica da externalización. Non entra nin o extractivismo de toda caste nin ese industrialismo colonial que só lembra o internacionalismo de clase o primeiro de maio e coida que o ecoloxismo e o decrecemento non vai con eles. O arredismo entende a Galiza como unha simbiose ecolóxica da casa coa terra para se elevar ao amor á paisaxe cultivado con visión de pasado e futuro. Un plantar e un pescar para os netos. Recuperar a comunidade como ser colectivo que respecta ao diferente, ao conflictivo, mais que non tolera o ataque ao común, e nese común está a defensa do territorio como recurso vital. A comunidade integradora que defende a axuda mutua entre veciños de porta que nin se falan. A comunidade como ente político de control social. O común por riba do meu, por riba do partidismo intereseiro. 

O arredismo é máis de celebrar xuntanza cos irmaos bercianos ou eonaviáns do que discursear nas quintanas de vivos ou de mortos. É máis de debourar nos movementos cidadáns por construir alternativas ao fascismo do que de reclamar mediaticamente un pazo. Lonxe das fazañas ostentosas, o arredismo non concorda con ese nacionalismo de raposa do aire que parece acreditar en que cando berra na noite,  algún usureiro ou cacique vai morrer.

Iolanda Teixeiro Rei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Moina

Eu milito no BNG e podería asinar o teu artigo se llo adicases ós do PPSOEVOXCsPodemosETCs. A arredista non me vas dar leccións, aínda respiraba Franco cando eu xa levaba paos por defender Galiza. Fuxín das vosas microseitas logo de reparar en que só sodes postureo posmoderno. Collede un sacho e abride regos no Courel.

1 iolanda teixeiro

Se militas no BNG podeche dar lecións d arredismo. Ti a min, algunha d prepotencia. O primero que eu dou a cara, non me agacho en "Moina "algunha. A respecto das "microseitas" non sei pq te amolan tanto se vives na Galiza onde temos a metade de entidades de povoación d Hespaña e fixemos do minifundio un xeito d governo senlleiro ao que teremos d voltar máis cedo do que tarde. Saúdos

1 miñoca

Iolanda Teixeiro Leo con moito interés e agarimo o seu artigo. Estou estudando o arredismo. Cheguei ao ler o Estatuto de Autonomia de Galicia que recoñece persoalidade xurídica a Parroquia. O resultado do referendum que o aprobou foi un 72% de abstención. No 28% restantes incluiranse os SI, NON, brancos e nulos. Somos a única Región, Nacionalidade histórica ou Nación do Estado Hispañol que non o fixo. Busquei nos programas dos partidos nas pasadas eleccións e non topei nada .