Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2020 | Actualizada ás 14:00
A noite máxica do Apóstolo comezou o pasado venres co disparo dos fogos artificiais a redor das 23:30. Mentres picheleiros e non picheleiros --como se coñecen aos oriundos de Santiago-- prestaban atención á pirotecnia, comezou a queimarse unha parte do parque Eugenio Granell (coñecido tamén como "o Paxonal" ou o "Restollal") debido aos fogos de artificio. As chamas víanse case desde Bonaval, pero coa axuda dos bombeiros, sobre a 1:30 o lume foi sofocado.
Despois dese susto, a noite transcorriu con normalidade. Como unha noite normal e tranquila doutro día de xullo, escoitando poucos berros e mesmo a música ou asubío da verbena desde a distancia. A xente prefería tomar algo en terrazas onde se gardaba a distancia e as medidas de seguridade ou montar a festa en casa.
A medida que a noita avanzaba, contra as 3:00 da mañá, e, especialmente na zona vella, escoitábase máis e máis barullo. A maioría dos locais nocturnos estaban abertos. E como en toda situación crítica, algúns cumprían e outros non. Moitos tiñan o aforo completo (contando coas medidas de seguridade e sanidade que se impuxeron recentemente) e non deixaban pasar a ninguén máis ata que se fosen retirando as persoas que estaban dentro gozando do ambiente, a música e a súa bebida.
ALGÚNS QUE NON CUMPRIRON
Aínda así, había outros locais, e non eran os menos, que non respectaban as medidas de seguridade fronte ao COVID-19. Garitos ateigados de xente galega e non galega -- algúns peregrinos-- cantando, berrando e coa máscara baixada para poder beber a súa consumición. Desde fóra, dende a rúa, aquilo parecía unha escena de película.
Algunhas persoas negáronse a entrar ao incumprirse todas as medidas de saúde pública. "Como é posible que se estean pasando as medidas de seguridade polo forro sabendo que estamos a vivir unha pandemia mundial", comentaba a este xornal un dos mozos. Outros mesmo barallaron a posibilidade de pedir unha folla de reclamación ao local ou mesmo chamar á policía.
Nalgúns destes pubs mesmo houbo mometnos de tensión. Avanzada a noite, sobre ás 04.30 horas, nun local moi coñecido do centro vello da cidade unha rapaza intentou falar co dono porque non lle parecía aceptable que se estiveran incumprindo as medidas de seguridade. Aínda así, a moza recibiu unha mala contestación do dono do local dicindolle que "quen era el para opinar, que non tiña nin idea sobre as medidas de seguridade dos locais de ocio nocturno".
AS ESCENAS REPÍTENSE
A mesma escena repetiuse noutros pubs puntuais da cidade vella. "Entendo que sexa o día grande de Santiago e da Patria, e que o dono ou dona do local queira sacar a maior rendibilidade desta noite, pero non entendo que xogue coa saúde de todo aquel que pise o local e mesmo a súa propia", indicaba outra estudante de Ciencias Políticas.
"Despois os adultos bótanlle a culpa á mocidade dos rebrotes que están a xurdir nas diferentes cidades do país, pero claro, vendo como se actúa nos locais de lecer nocturno, en certa parte é comprensible", contestáballe un alumno de Educación Social. Semella que a nova normalidade é difícil de encaixar e non só polo comportamento dos máis novos, senón tamén pola irresponsabilidade dalgún hosteleiro.
CONTROL
Por outra banda, este mesmo luns, a deputada do BNG, Olalla Rodil, mostrouse a favor de que se adopten as medidas de rexistro e comunicación oportunas ante a chegada de visitantes, para poder "rastrexar" os contactos, co fin de "poder controlalo máis". A Xunta publicará este martes a listaxe de países e zonas de alta incidencia de coronavirus co obxectivo de que os viaxeiros procedentes destes lugares que cheguen a Galicia comuniquen con carácter obrigatorio os seus datos de contacto.
Á marxe diso, o BNG defende o "comportamento, de maneira xeneralizada, de cumprimento" das normas da poboación respecto diso de "todo o que se lle pide". Aínda que, matizou, haxa casos en que "puntualmente non se cumpra". Neste sentido, rexeitou "que se tente responsabilizar", e en concreto á mocidade, da situación de "rebrotes" e incidiu en que as persoas "fan o que se lles permite".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.