Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2020 | Actualizada ás 08:35
"Eucalipto, presente e... futuro?" Así se titula a mesa de debate que a Asociación en Defensa da Costa da Morte vén de propoñer para explorar cales son as perspectivas da comarca no caso de continuar coa eucaliptización que asogala ó conxunto do territorio galego. Segundo apuntan dende a asociación Monte Pindo, a reacción da plataforma xurdiu como resposta ó anuncio de que a Xunta "planeaba eliminar boa parte do escaso arborado do Olimpo Celta coa excusa da prevención de incendios".
Así as cousas, ADECOM convoca unha mesa aberta á sociedade na que terá a lugar unha contraposición de visións entre veciños, comunidades e axentes sociais. O obxectivo é dirimir a viabilidade dun futuro alternativo nos montes da comarca máis alá do "monocultivo" de eucalipto e que poña o acento na diversificación da flora, xerando "un maior retorno" ás comunidades locais.
A reunión terá lugar o vindeiro sábado 8 de agosto ás 20 horas na Capela do Pilar de Corcubión. Segundo apuntan dende a organización, o acceso e participación é libre e aberto, pero por motivos de saúde os interesados deberán inscribirse previamente na web de Monte Pindo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.