Por Galicia Confidencial | MADRID | 05/08/2020 | Actualizada ás 09:00
55.888 millóns de euros. É a cantidade total que ADIF investiu para facer "despegar" o AVE. Para o servizo de cercanías -que aglutina o 90% dos pasaxeiros- a cifrra en 1990 e 2018 é só de 3.600 millóns de euros. Son datos cos que a Plataforma en Defensa do Tren A Coruña - As Mariñas quere evidenciar o abandono ó que o RENFE somete ós traxectos de proximidade, un esquecemento do que a vía de Ferrol -apuntan- resulta especialmente paradigmática.
1 hora e 20 minutos é o que lle leva ós convois atravesar os 69 kilómetros que unen a vila ferrolá e A Coruña, unha distancia que no caso dos trens alvia -que operan, por exemplo, entre Santiago, Ourense e Vigo- sería cuberta en menos dunha hora. Ante esta situación, dende a Plataforma esixen acelerar e ampliar os trámites dunha renovación da vía férrea que garanta rematar o traxecto en 45 minutos.
Segundo estiman dende a asociación, o plan para a renovación das vías, que contemplará un by-pass para cambiar de sentido os convois, demorarase ata 2024. "Entre A Coruña e Ferrol son necesarias as cercanías xa, non en 4 anos", destacan nun comunicado no que lamentan que RENFE aproveitara o estado de alarma para non restablecer "algúns dos precarios servizos" que operaban na liña Coruña-Ferrol, deixando "incomunicados" pobos; se ben logo algúns destes traxectos foron restituídos a razón da "presión social" acontecida.
VÍA ELECTRIFICADA
Dende a plataforma expresan o seu temor de que, chegado o momento da reforma anunciada por RENFE "xa non existan viaxeiros que realicen un traxecto" inaugurado en 1913. Ante esta situación, esixen ampliar a reforma contemplada por RENFE máis alá do by-pass, que permitiría reducir a duración do traxecto nuns 8 minutos, e transformar o "precario" sistema de convois diésel nunha vía electrificada que permita reducir á metade a duración do percorrido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.