Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/08/2020 | Actualizada ás 15:15
Adif abriu unha investigación para aclarar a caída de dous vagóns do tren de mercadorías descarrilado o pasado 28 de xullo en Carballeda de Valdeorras (Ourense) ao río Sil.
Tal e como informou Galicia Confidencial este luns e despois de que o medio local Valdeorras de Cerca informara como un dos vagóns é botado ao río desde a zona na que descarrilara o convoi e outro queda suspendido, fontes de Adif consultadas por Galicia Confidencial informaron de que o ente público abriu unha investigación para coñecer os detalles deste suceso e "depurará" responsabilidades".
"Adif ha abierto una investigación para conocer todos los detalles de este suceso.Se analizarán todas las acciones efectuadas y se depurarán, en su caso, responsabilidades y se va a trabajar en la retirada de los dos vagones y la restauración del entorno a la mayor brevedad", indicou o ente ferroviario na súa resposta a Galicia Confidencial.
En concreto, o tren que circulaba pola liña Monforte-Ponferrada sufriu un descarrilamento na tarde do pasado 28 de xullo ao seu paso por Carballeda de Valdeorras. Aínda que non se produciron danos persoais, o sinistro obrigou a cortar a vía ao quedar os vagóns envorcados na zona.
Agora, Adif di que pretende aclarar "todos os detalles" do sucedido nas manobras para encarrilar os 11 vagóns do tren.
Explica que, "nos labores de encarrilamento, nas que colaboraba Renfe, era necesario apartar catro vagóns para reparar a vía". "Dada a complicada accesibilidade da zona e co obxectivo de garantir a seguridade dos traballadores, tratábase dunha condición indispensable previa para situar un guindastre ferroviario en paralelo aos vagóns e suspendelos para encarrilalos", apunta.
Así mesmo, detalla que, durante esas manobras, "un vagón púidose desprazar correctamente" pero que o segundo" se precipitou "ladeira abaixo, ata a ribeira do río Sil. Ademais, sinala que analizará todas as actuacións efectuadas en relación a estes feitos e "depurará, no seu caso, responsabilidades".
"A prioridade de Adif neste momento segue sendo retirar os vagóns descarrilados, así como reverter os danos que se puideron producir na contorna o máis axiña posible", sinalou a empresa pública, que asegura que está "en permanente contacto coas autoridades ambientais".
En concreto, o tren que circulaba pola liña Monforte-Ponferrada sufriu un descarrilamento na tarde do pasado 28 de xullo ao seu paso por Carballeda de Valdeorras. Aínda que non se produciron danos persoais, o sinistro obrigou a cortar a vía ao quedar os vagóns envorcados na zona.
XUNTA
A Xunta dirixiuse na mañá deste martes a Adif para pedirlle explicacións pola caída dos vagóns ao río Sil. En concreto, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, trasladoulle á empresa pública a súa preocupación pola situación xerada.
Ademais, segundo informou o departamento que dirixe Ethel Vázquez, a Xunta pediu información precisa sobre o protocolo de actuacións que se está levando a cabo para a retirada dos vagóns, co obxectivo de que se retiren canto antes e que se minimicen as afeccións á contorna.
PSdeG
Nun comunicado remitido aos medios, o PSdeG esixiu a Adif que retire de forma inmediata o vagón caído ao río e proceda á restitución dos danos ambientais causados. Ademais, reclamou que se avalíe a situación dos outros vagóns que permanecen á beira da vía do tren e que se retiren "tomando todas as medidas de seguridade ambiental necesarias".
"É incompresible", sinalaron os socialistas galegos, que critican que a recuperación dos vagóns non leve a cabo seguindo procedementos que non impliquen danos para o medio e para a seguridade ferroviaria.
"Agora o prioritario é levar a cabo a recuperación do vagón caído ao río Sil, restaurar os danos provocados nas augas e no ecosistema e retirar canto antes o resto dos vagóns que están xunto á vía", indicou.
CRITICAS DO BNG
Tamén o deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa parlamentaria no Congreso a través da que pide a retirada inmediata destes para proceder a "reparar o dano ambiental causado". Ademais, pide que se lle comuniquen os feitos á Fiscalía.
O parlamentario nacionalista demandou ao Goberno investigar os motivos que levaron a Adif "a tomar a decisión de tirar os vagóns descarrilados ao río en lugar de retiralos de forma adecuada e reparar os danos causados na contorna, tal e como estipula a normativa".
"Non se pode tolerar que unha empresa pública sexa a primeira en incumprir a normativa sobre a xestión de residuos e reparación dos danos causados á contorna", sinalou o deputado.
Ademais, considerou "inconcibible" que Adif-Renfe tomase a decisión "consciente" de tirar ao río, "xa bastante contaminado", os vagóns" en lugar de "facer o necesario para retiralos tal e como correspondería". "Adif debe dar exemplo e o Goberno español responsabilizarse de que a xestión pública sexa adecuada á lexislación ambiental", indicou.
"QUEN CONTAMINA, PAGA"
Por outra banda, nun comunicado remitido aos medios, a entidade ecoloxista Amigos da Terra requiriu á Confederación Hidrográfica e á Consellería de Medio Ambiente que aplique á empresa responsable da vertedura o principio de "quen contamina, paga" que, segundo indica, se regula na Lei de responsabilidade ambiental.
Para a entidade, os danos causados ao río "non poden quedar impunes" e as administracións teñen que adoptar as medidas preventivas apropiadas, recollidas na Lei de Augas e na Lei de responsabilidade ambiental e cuxa sanción, segundo indican, podería carrexar multas de ata dous millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.