Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2020 | Actualizada ás 22:00
A 100 anos do nacemento de Isaac Díaz Pardo -e co Día das Letras Galegas aínda lonxe, posto que o polifacético autor faleceu en 2012- o colectivo Alento Esbravexo (creado ex professo para a ocasión) vén de convocar un concurso para honrar a memoria do mestre de Cerámicas do Castro. O proxecto, baixo o nome "Unha manda para Isaac Díaz Pardo" está aberto á totalidade da cidadanía que queira achegar a súa peza conmemorativa do autor.
De acordo co ser polifacético e variado do compostelán, o proxecto de Alento Esbravexo recollerá un amplo abano de manifestacións culturais e artísticas, dende un libro a unha xoia, pasando por unha tipografía, un debuxo, un grafiti ou mesmo unha canción. A única condición é que a obra de arte estea inspirada pola figura do mestre -ben sexa a súa obra ou traxectoria- ou a súa escola. Con todo, tamén abre a posibilidade de basearse "nalgo totalmente novo" e "con total liberdade" para honrar ó mestre de Samoedo.
O proxecto conta xa cunha vintena de pezas que se seguirán ampliando ata o 13 de agosto. O conxunto da mostra cristalizará nun soporte aínda non especificado que servirá para manter viva a memoria de Díaz Pardo no centenario do seu nacemento. "En principio ía ser só virtual pero era unha mágoa que non quedara unha mostra física", destaca o ilustrador Héitor Picallo, un dos 6 organizadores, que apunta a unha publicación ou, se as circunstancias o permiten, unha exposición presencial.
A CONTRIBUCIÓN DE DÍAZ PARDO
Picallo explica que dende Alento Esbravexo escolleron a figura das "mandas" como unha "licencia literia" para canalizar as achegas ó homenaxeado. "Unha manda é un documento legal no que se entrega algo a unha persoa, como unha doazón ou agasallo", explica. O proxecto, unha idea orixinal da autora Pilar Sampedro, é un xeito de poñer en valor a "enorme contribución" do autor á arte plástica galega. "O noso panorama contemporáneo non podería existir sen Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane", destaca Picallo, que subliña o carácter "pioneiro" de moitas das obras do homenaxeado. "Debémoslle moito a nivel cultural".
Ata o momento, o mestre de Samoedo recibiu esculturas, artigos de prensa, ilustracións e caricaturas chegados de distintos puntos do globo, "dende Tokio a Cuba", destaca Picallo. O ilustrador destaca o "mérito" das contribucións de autores de fóra de Galicia, como o caso da ilustración que Sara Plaza, unha moza de serra madrileña, achegou xunto cunhas palabras en Galego. Os interesados en participar poden achegar as súas propostas ao mail alentoesbravexo@gmail.com. Dende a plataforma recordan que as obras deben adaptarse ás bases contempladas na páxina web.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.