Lores fai fronte común cos alcaldes de Madrid, Cadiz e outras 8 cidades contra a "incautación dos remanentes municipais"

O rexedor nacionalista de Pontevedra participa nun encontro de alcaldes contra o criterio de repartición dos 5.000 millóns de euros que Facenda propón para os concellos que lle cedan os seus aforros.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/08/2020 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou este venres nun encontro de alcaldes contra o criterio de repartición dos 5.000 millóns de euros que o Ministerio Facenda puxo sobre a mesa para aqueles concellos que lles cedan os seus aforros.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Europa Press.

O rexedor do BNG interveu nunha reunión telemática, convocado polo primeiro edil de Zaragoza, o popular Jorge Azcón, na que tamén participaron o alcalde de Madrid, José Luís Martínez Almeida (PP); o rexedor de Cádiz, José María González, 'Kichi' (Adelante Cádiz- Podemos); o de Bilbao, José Mari Aburto (PNV); o de Granada, Luís Salvador (Ciudadanos); o de Lleida, Miquel Pueyo (Esquerra Republicana); o de Reus, Carlos Pellicer (Junts per Reus); o de Murcia, José Francisco Ballesta (PP); así como o de Santa Cruz de Tenerife, José Manuel Bermúdez (Coalición Canaria).

Ademais, desculpou a súa ausencia neste encontro pero forma parte desta fronte común, adheríndose ao acordo, o alcalde de Valencia, Joan Ribó (Compromís).

Deste xeito, conforman a fronte alcaldes de practicamente todos os partidos políticos agás do PSOE, formación que aprobou en soidade a proposta que o goberno de Pedro Sánchez fixo á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O voto de calidade do presidente da FEMP e alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, rompeu o empate e o consenso que caracterizou a esta organización que representa os concellos de España.

Respecto diso, Lores explicou que na reunión deste xoves os alcaldes expresaron o seu "rexeitamento" ao real decreto de Facenda derivado do acordo da FEMP "que consideramos inxusto, discriminatorio e que viola a autonomía municipal".

Entre outras cuestións, piden "que haxa un financiamento directo independentemente da situación financeira dos concellos" para atender a situación derivada da Covid-19.

E é que, segundo advertiu o primeiro edil de Pontevedra, coa proposta da FEMP, "todos os concellos saen prexudicados porque, dalgunha maneira, están a facer unha incautación dos remanentes municipais". "Non é un acordo de repartición de 5.000 millóns, é un acordo de incautación de 14.000 millóns", sentenciou.

Ademais, estes rexedores tamén reclaman "respecto á autonomía municipal" á hora de definir en que se gasta ese diñeiro. "Os concellos somos maiores de idade e sabemos que é o que temos que facer", dixo.

No caso daqueles concellos que teñan superávit e conten con remanentes de tesouraría, este grupo de alcaldes demanda que se poidan utilizar "sen limitacións". Para iso, van solicitar "que se levante a regra de gasto, déficit e endebedamento" contempladas na Lei de Estabilidade financeira "polo menos durante o exercicio 2021".

Ademais, piden que se defina "o acceso dos concellos aos fondos europeos", os 140.000 millóns cos que contará España procedentes do fondo de recuperación europeo.

TRASLADO A FACENDA

Este posicionamento será trasladado ao Ministerio de Facenda e farase unha invitación aos alcaldes de todas as capitais de provincia e dos municipios de máis de 100.000 habitantes "que queiran sumarse". Agora estes rexedores quedaron emprazados para unha nova reunión en setembro para facer un seguimento da súa iniciativa.

O primeiro edil pontevedrés insistiu en que os concellos respectaron a "Lei Montoro" que lles "imposibilitou facer investimentos e dar servizos aos cidadáns" e unha vez que os gobernos locais acumularon aforros "agora, de súpeto, incáutanolos o Estado que durante todos estes anos aumentou dunha maneira exponencial a débeda". "Cando temos unha hucha non a podemos utilizar nunha situación de emerxencia", lamentou o rexedor nacionalista.

No caso de Pontevedra son uns 19 millóns de euros a cantidade que atesoura como liquidez "que non podemos utilizar". Lores, antes de asistir a esta reunión, comunicoullo ao portavoz local do PSOE, socio no Goberno municipal "e non puxo ningunha pega", asegurou.

Finalmente, lembrou que o real decreto debe pasar polo Congreso dos Deputados e é bastante improbable que teña apoios suficientes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Por fin Lores abre a boca ! Os seus socios de goberno na Deputación de Pontevedra están listos para enviarlle 100 millóns de euros á Ministra de Facenda dende Vigo que sumados aos 19 millóns de Pontevedra vailles servir para pasar unhas boas VACACIÓNS ! Pero o fundamental siguen sendo as palabras de Nadia Calviño que asegura que para resolver os problemas de Tesourería o Estado Español deberá incrementar a débeda pública en 100.000 millóns antes de rematar o ano 2020. Co que chegaremos ao 125% do PIB este Nadal... Imos ver se nos deixan comer o turrón confinados ou non ?