Noite de festa en Sanxenxo: luxo, bandeiras de España e máscaras que só se poñen cando pasa a policía

Este é o relato de tres horas na vila onde as rúas falan castelán, as normas sanitarias son orientativas e un pode gastar o soldo mínimo no 'reservado' dunha discoteca.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Acababan de dar as 2 da mañá cando a policía local o parou camiño do porto deportivo. Non o rexistraron: tan só levaba un vaso de cubata na man. Os uniformados deixárono ir e a moza que o acompañaba deulles as grazas e as boas noites. Uns metros máis adiante, e aínda a media voz, tentaba tranquilizalo: “no te van a multar”. “Y si me multan no la pago”, contestoulle con acento andaluz o rapaz, acelerando o paso. Da distancia chegaban berros mozos proferidos dende un veleiro -“viva Sangenjo”- e o retumbar distante e rítmico da música dos pubs.

Mozos de festa no porto de Sanxenxo
Mozos de festa no porto de Sanxenxo | Fonte: Iago Codesido

Sanxenxo -ou San Ginés, como debería ser traducido ó castelán- é unha vila que precisa pouca presentación. Pobo de tradición mariñeira, a industrialización ás présas de Galicia quixo que rematara sendo o núcleo preferido polos turistas españois e, en particular, os madrileños; este ano de actualidade polos supostos “goteos” de viaxeiros cando aínda imperaba o estado de alarma.

Sexa como for, o certo é que tanto en Sanxenxo como Portonovo -localidade veciña que en realidade forma parte da primeira- as rúas falan castelán. Castelán ‘de verdade’, do que di “regazo” no canto de colo e non distingue entre vogais abertas e pechadas, síntoma clave do acento galego. Este é o relato de 3 horas no país das copas a 10 euros, iates millonarios, piscinas a pé de mar e máscaras estampadas coa bandeira de España.

A CEA, ÁS 12

Tradicionalmente, Portonovo cumpría o papel de ‘pequeno Sanxenxo’, unha irmá menor non tan masificada e máis asequible. Porén, conforme cae a noite do sábado 8 de agosto, Portonovo convértese tamén nunha vila hipertrofiada na que as rúas e prazas sentan á xente que camiña por elas como unha camisa varias tallas por debaixo da adecuada. Aparcar é relativamente sinxelo para quen coñece a zona, pero non acontece o mesmo á hora de circular co coche. En cada sinal de stop a radio ten tempo a pinchar unha canción pop enteira mentres o condutor agarda a que o torrente de tráfico seque para poder incorporarse á estrada.

Rúa do porto deportivo de Sanxenxo nunha noite de festa
Rúa do porto deportivo de Sanxenxo nunha noite de festa | Fonte: Iago Codesido

O mesmo -ou peor- acontece para cear. Atrás quedan os anos nos que un podía conseguir mesa para catro sen ter chamado antes ó local. Hoxe, na pequena Portonovo quen non teña reserva terá que agardar ás 12 da noite para cear; e non só no tocante ós locais en primeira liña, onde o cheiro salgado do mar invita a pedir esa mariscada que costa máis do que vale. A masificación é absoluta, e só se un ten sorte pode rematar comendo un bocadillo de lomo temperado nun bar dos arrabaldes onde soa atronador o Bayern-Chelsea en diferido e a camareira serve a caña logo de frotar os ollos coas mans descubertas.

Camiño ó local onde o chef requenta patacas fritidas para acompañar o bocadillo un pode comprobar que, na práctica, as recomendacións sanitarias seguen a ser máis consello que obriga. Subindo pola rúa Méndez Núñez a vista busca sen éxito ese estraño especime que cumpra as normas da Xunta, que dende hai semanas obriga a manter a máscara agás no momento concreto de consumir, sexa comer, beber ou fumar. O emprego da máscara unha vez de pé é, porén, total; quizais máis polo medo que infunde unha rúa duns 4 metros de ancho ateigada de xente que polo peso da lei.

A lei en cuestión atópase concentrada na zona da movida, no porto deportivo de Sanxenxo. Á entrada deste cabo artificial dan a benvida tres xogos de luces azuis -dous coches, un furgón- da policía local da vila. Outra media ducia de efectivos mantén un dispositivo na rotonda da que sae a estrada a Pontevedra, á caza dun condutor que circule con algún cubata de máis.

COPAS DE 10 EUROS, COLAS DE 20 MINUTOS

Pasando o control e achegándonos ao porto, un comprende que, en realidade, Portonovo si estaba baleiro. As rúas cheas de coches, as beirrarúas cheas de xente. Mozos e mozas vestidos con liño branco, zapatos caros e bos reloxos cruzan a estrada por onde lles peta sen sequera mirar antes aos lados. Estampa dunha vila calquera en festas grandes. En Sanxenxo sempre é festa.

Rozando a unha menos cuarto da mañá quedan aínda varias ducias de prazas no aparcadoiro do porto, ateigado de modelos luxosos e difíciles de albiscar en calquera outra poboación galega. Un Maserati, logo un Porsche, e ao lonxe un zunido vermello que non pode ser senón un Ferrari. O bólido atravesa o paseo marítimo sen recibir demasiada atención. O pan de cada día en Sanxenxo.

A saída do aparcamento enfila directamente cun dos locais máis coñecidos da zona, o Buddha. Ante el unhas 20 persoas facendo cola -fuman, case todas- mentres outros beben na terraza. O porteiro –40 anos, coleta, forte, tatuado, cigarro en man- cambia unhas palabras con dúas rapazas que cambian axiña de expresión. Abandonan a cola. Aforamento completo. Detrás delas, outras dúas avanzan ó altar que regula a entrada ó templo e repítese a escena, pero estas quedan. Prenden un cigarro e falan coa chaqueta no brazo.

A MÁSCARA, CANDO PASA A POLICÍA

A escena é, en esencia, a mesma en cada un dos sete locais que nutren a área da Jet Set sanxenita. Quizais con excepción de La Ola, un sitio “que siempre fue mítico” pero “este año subieron mucho el precio y además queda lejos”, apunta Antía, unha lucense con experiencia na zona que pasa por diante do La Coca Chic (si, chámase así). Escollemos o La Coca para pasar as horas porque advertimos que a cola -que segundo Antía pode chegar ós 20 minutos en noites coma esta- é menor que noutros sitios.

Preguntamos o prezo da entrada ó porteiro. 20 euros por cabeza con dúas consumicións. Non é tanto: uns metros máis adiante o DUX ofrece un ‘reservado’ para quen queira gastar ata 900 euros nunha soa noite. Entramos cunha persoa menor de idade -pídenlle o carné, pero como se nada- e sentamos. Alcol barato. “Esta copa cuesta lo mismo que la botella en el súper”, escóitase dicir a unha rapaza dende outra mesa, nun breve silencio entre Agua de J Balvin e unha canción calquera de Ozuna.

Só o persoal do local leva máscara en todo momento. Nos clientes a dinámica é idéntica á zona dos viños de Portonovo: poñela para saír ou ir ao baño pero quitala unha vez na mesa. Unha parella de policías locais entra no recinto co beneplácito do porteiro e entón sucédese, como nun baile sincronizado, a restitución da máscara; ata entón durmida no cóbado ou o queixelo. Os menos afortunados teñen que meter a man ás présas en bolsos e pantalóns para poñela. Non hai consecuencias: os policías saen botando algunha mirada e antes de que os uniformes se confundan cos mastros dos veleiros as máscaras volven ós cóbados, ós queixelos e ós bolsos.

BANDEIRAS DE ESPAÑA

Ao pé das cristaleiras e as americanas negras dos porteiros descansa o que seguramente sexa o porto deportivo máis luxoso de Galicia. As chalanas e barcas de pescadores que durante décadas poboaron a praia de Silgar son hoxe iates e veleiros que nalgúns casos superan os 10 metros de eslora. Na borda dun deles, unha muller suxeita o vaso de viño branco que ten sobre a mesa para evitar que o abaneo do mar llo tire. Apoiada na varanda do paseo, unha rapaza de castelán correctísimo comenta que aquí estivo o Rei Emérito antes de marchar para quen sabe onde. Na máscara leva a rojigualda.

“Este ano notamos moita menos xente de Madrid, fáltannos clientes habituais doutros veráns”, conta Jorge Alonso, encargado do Dux, que reporta un incremento de xente da Coruña. Con todo, as súas son as únicas palabras en galego que soan no porto deportivo da vila. Preguntamos a algúns grupos de onde veñen. Madrid, Sevilla, Valencia, Pamplona... hai algúns de Vigo, pero o acento castelán monopoliza o porto de Sanxenxo como se este fixese esquina coa Gran Vía, e a rojigualda domina a escena rivalizando cos actos do 12 de outubro.

Dan as dúas menos cuarto e desandamos o camiño. Declinamos a terceira copa, que custaba 8 euros. “Máis que cando fun a Barcelona”, di un. Á porta do Buddha, outras 15 persoas facendo cola. Uns metros máis adiante, un vendedor ambulante despacha pulseiras e máscaras coa bandeira española. Hai -como en todo o de Sanxenxo- cola. Afastándonos á fin do balbordo, camiñamos ata a Praia dos Barcos e sentamos na area. Dun veleiro luxoso xorden voces mozas que claman as virtudes do viño e adiantan o curso da noite: “¡Ahora vamos para La Ola!”. Do lado do paseo, dous policías locais danlle o alto a un rapaz que camiña cun vaso de cubata na man. Na distancia soa unha canción do grupo do fillo de Bárcenas.

Portas do pub Buddha, en Sanxenxo
Portas do pub Buddha, en Sanxenxo | Fonte: Iago Codesido
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 35 comentarios

8 Bloqueiro-parasito

Sangenjo mola mucho. Hasta eu podo ligar un chisco. Cosas feas, claro.

7 Inespal

Xa saíron os siareiros de Vox. Os que lle chaman español ó castelán. Os que lles chaman fascistas e racistas os da esquerda. Os trolls da ultradereita ou da dereita ultra

1 CastelaoPaSogama

A ver neno, chámase español. Non cho vou explicar: vas ao Diccionario panhispánico de dudas (RAE) buscas castellano, e che redirixe a Español polas razóns que din na definición. Ti sigue vendo a telegaita.

2 Inespal

Vai o título preliminar da túa constitución, si esa que tanto chufades. Vai o artigo 3 é dí que pón vellinho da Telegaita.

3 CastelaoPaSogama

Atraso e ignorancia. Apenas ten cultura escrita; carece en absoluto de ciencia e técnica; funciona como unha lingua morta nos cambios que impoñen os filólogos ao pobo, e non ao revés como nas lingua vivas; para usos q pretenden ser cultos devén en lusitanizante... Perdeu o tren hai séculos, non o va alcanzar, pero o glo-gló, vivir do contó, fai que se xustifique a barbarie da pretendida normalización, que é un imposible pq os bimbos non dan de sí. Se non vos coñecera...

4 nostrus

Certo que a Constitucion menciona o castelan para referirse ao idioma de toda España, pero non creo que se meta en como se chama o idioma. Nas constitucions dos paises hispanos unhas mencionan ao español e outras ao castelan e dedúcese que español e castelan son sinónimos. Certo que o galego é unha lingua española porque está en España e polo mesmo argumento o castelán é unha lingua galega ao falarse en Galicia e levar séculos como lingua oficial (moitos mais que o galego). O español é unha das linguas dos galegos inda que lle pese a blocallada.

5 Inespal

Mi madriña, como tedes a cabeciña.

6 Amancio

A denominación da lingua como "castellano" ou "castilla" é a tradicional e a que sempre se empregou desde Antonio de Nebrija por volta do século XV, aos dous lados do Atlántico. A primeira vez que a RAE recomendou empregar "español" foi en 1923... data coincidente coa suba de Primo de Rivera ao poder en España (réxime que perseguiu o uso do resto de linguas non castelás). Se queredes chamarlle "español" ao castellano chamádelle, mais non nos vendades histórias que ben sabemos que é por unha teima nacionalista.

6 CastelaoPaSogama

Falan español porque o paradigma do galego é grotesco: a vella que sal con Feijoo, os funcionarios da Xunta, os liberados sindicais, os folloneros de calquera historia, e os espectadores de Luar e a telegaita en xeral. O avance da civilización fronte ao atraso, ignorancia e a conseguinte facilidade de manipular conciencias é imparable.

1 Sentidiño

Tamén por seren habitantes do barrio de Salamanca, e de ideoloxía situada no amplo espectro do filofascismo nacionalista español, así que non teñen falado galego na súa vida. Pero isto debe de ser accesorio, a culpa é das presentadoras do Luar...

5 Ruio

El turismo es una fuente de riqueza para Galicia. Bastante más digno es vivir del turismo que ser un parásito- llamado liberado sindical - o político profesional como Pontona

1 tamiflu

Desde logo. O único indigno que hai por aquí es ti.

2 Comando Foucellas

Pois hai que cambiar as tornas, porque unha cousa é o turismo e outra o servilismo extremo aínda por riba a mamarrachos de verano insoportables e fascistas

4 Alienao

Non nos enganemos, nós somos os primeiros en dicir Sangenjo, Orense, La Coruña, Dépor, Obra ou bogavante e pulpo. Xa estamos afeitos a que nos retumben os ouvidos; así que, o primeiro paso e aceptarnos como primeiros deturpadores e intentar corrixirnos se queremos ser respetados.

1 nostrus

¿Por que no se puede decir Orense o La Coruña hablando en español?. Lo más urgente es no hacerle caso a las ideas nacionalistas, fascistas y racistas.

2 Casilda

Casualmente, foi o imperialismo español (castelán de Castela, para ser exactos), o autentico e xenuino ultranazionalismo español, o asasino fascismo español (modalidade franquismo) e o odio do racismo español contra o galego o que impón, difunde e defende usar Orense e La Coruña! Que casualidade que coincidas coas ideas verdadeiro fascio, verdade? E tan inocente que aparentas...

3 Alienao

Na Galiza, en galego. Na Espanha, en castelán. Listo, qué eres moi listo!