Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 13/08/2020 | Actualizada ás 11:45
Socorristas das praias da Coruña concentráronse, fronte ao areal de Riazor, para esixir o pago das horas extra e denunciar a falta de material e as sancións impostas a dous compañeiros, segundo explicou a Europa Press o presidente do comité de empresa, Denis González.
A protesta, na que participaron máis dunha vintena de socorristas, concentrados con dúas pancartas, ten lugar tras a reunión, sen acordo, celebrada a última hora do mércores coa empresa e nos días previos á folga indefinida, convocada a partir do martes, día 18.
O comité da empresa Move denuncia a existencia de incumprimentos por parte desta a nivel laboral. "Díxosenos que se nos pagarían as horas extra, oito ao mes, e agora din que non se van a pagar e, ademais, estamos sen material de traballo óptimo".
"Con motos de auga estragadas, arranxaron unha a semana pasada, sen auga osixenada, nin soro", cita, entre outros exemplos, Denis González, ao que suma as sancións impostas a dous traballadores ou a decisión da empresa "de cancelar vacacións xa aceptadas alegando que non tiñan persoal para cubrilas".
Ademais, asegura que se lles deixou de facilitar máscaras cirúrxicas, "pero nisto recuaron", expuxo o presidente do comité explicando que por parte do persoal, que integran medio centenar de persoas que vixía as praias coruñesas, rexeitáronse as de tea.
Ante a falta dun achegamento de posturas coa empresa, solicitou a "implicación" do concello herculino e explicou que, por iso, solicitáronlle unha reunión antes de que comece a folga indefinida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.