A renuncia de Benedicto XVI, igual que a de Guillerme Vázquez, denota un fracaso. Reelixido Sumo Pontífice neste caso hai tan só un ano, o seu mandato caracterizouse máis por perseguir a herexía interna que por abrir as portas da Igrexa a novos aires e novos credos. Tanto que incrible e absurdamente se presentaba ledo cada vez que un deses herexes deixaba o Bloque. Cada vez menos pero máis fieis. Aleluia! Semellaba ser a súa misión, limpar de pecado unha institución que se ten a si mesma por santa, mentras a sociedade demandaba outra cousa, unha apertura que nunca chegou. Os presaxios nunca foron bos, porque un portavoz nacional que nada máis ser escollido pola metade da militancia sube á tribuna con aires triunfalistas sen se decatar de que un cincuenta por cento dos presentes non o quería é que non entendeu nada. De feito, se fose na Igrexa nunca tería sido elixido Papa; alí precísase de cando menos dous terzos dos votos do Cónclave.
Pero Guillerme Vázquez nunca pareceu libre de todo á hora de tomar decisións. Tanto que a súa renuncia foi considerada precipitada por unha parte desa curia nacionalista da que dependía, a máis dela pertencente á Congregación para a Doutrina e a Fe.
O Bloque, como a Igrexa, leva tempo ancorado no pasado, sen ser quen de se adaptar ao bulir da sociedade de hoxe, con métodos, discursos e tradicións que serían válidos nos anos setenta pero que hoxe semellan letanías en latín. O BNG, coma os curas, está acostumado a predicar, é dicir, a falar e que os demais, a poboación, escoite sen rechistar. Palabra de Deus. O BNG, coma a Igrexa, pensa que escoitar á xente é abrir 15 días antes dunha Asemblea Nacional ou dunhas eleccións unha web, igual que Benedicto XVI abríu unha conta en twitter.
O vindeiro Papa nacionalista non o terá nada doado. Deberá cambiar todas estas prácticas e mesmo remover máis dun dogma dos instaurados por cardenais de pelo branco que se resisten a ceder paso se quere que algún novo fiel se achegue á súa Igrexa. Do contrario, só as vellas beatas lle irán á misa. E, por riba, terá como principal misión reunificar a cistiandade nacionalista, unha tarefa que semella imposible a día de hoxe e mesmo a curto prazo (sirva como exemplo que a Igrexa leva 1.000 anos dividida). E máis se se persiste na idea da verdade absoluta e a inspiración divina, na teoría de infalibilidade do Papa, na doutrina das Sagradas Escrituras, en que se non pensas coma min é que non es crente, un inimigo da Fe, e no remedio da Santa Inquisición.
O Bloque, coma a Igrexa, precisa un revulsivo e aínda que teoricamente calquera militante pode ser escollido cabeza visible, o Espíritu Santo case sempre escolle entre os cardenais de máis rango. É esa tradición a que fixo que a Igrexa leve existindo 2.000 anos, mais tamén a que fai que cada vez teña menos predicamento entre a xente.
Pero hai unha triste diferenza clara entre o Cónclave Vaticano e a Asemblea Nacional do Bloque: mentras todo o mundo segue con expectación a escolla do novo Papa da Igrexa, aos galegos e galegas interésalles máis ben pouco quen vaia ser o vindeiro portavoz nacional do Bloque. Será por desinformación ou, o que é máis triste, porque non agardan xa nada do BNG. Ora pro nobis.
NOTAS AO PÉ:
1. Escollín este argumento da comparación coa Igrexa para facilitar as cousas e así que unha parte do BNG poida criticar o artigo sen entrar sequera no fondo da cuestión.
2. Quen di Papa di Papesa.
3. A Igrexa Católica distingue os que se separan dela entre cismáticos e herexes: o cismático racha a unidade da Igrexa na súa organización, pero non na unidade da fe, mentras que o herexe é quen, aos ollos da Igrexa, persiste no erro en materia de fe.