Das caravanas á venda de sementes: os negocios que crecen na crise que deixa a pandemia

A nova normalidade levou por diante sectores laborais enteiros á par que impulsaba outros que, en moitos casos, non puideron absorber a “enorme” demanda posterior ó confinamento.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2020 | Actualizada ás 21:58

Comparte esta noticia

Río revolto, ganancia de mariñeiros. Malia ser claro que crise económica derivada da covid-19 quedará para o recordo como unha das máis dramáticas dende a Gran Depresión, tamén hai quen se viu beneficiado desta situación atípica que pasará á historia. Os sectores impulsados polo confinamento e a posterior nova normalidade van máis alá do puramente sanitario e abranguen o ocio, a “psicose” dos primeiros días de encerro e ata o regreso ó rural.

A fabricación de piscinas foi outro dos negocios que mellorou. 'A xente ao verse encerrada pensou que non ía poder ir á praia e quería un sitio onde meterse', explica Carlos Rodríguez, copropietario de Piscinas Rodríguez y Campelo (Ourense). EUROPA PRESS - Arquivo
A fabricación de piscinas foi outro dos negocios que mellorou. 'A xente ao verse encerrada pensou que non ía poder ir á praia e quería un sitio onde meterse', explica Carlos Rodríguez, copropietario de Piscinas Rodríguez y Campelo (Ourense). EUROPA PRESS - Arquivo

Así o manifesta José Maside, propietario do grupo construtor que leva o seu apelido e que se dedica a elaborar piscinas por todo o territorio. “A pandemia vai rematar por levantar o campo, que estaba moi esquecido. Non hai mal que por ben non veña”, destaca. O de Maside é un dos negocios que, co desconfinamento, recibiron unha demanda inaudita e, en moitos casos, “imposible” de atender. “No mes de marzo, que é cando se empeza a construír, tivemos que pechar. Agora estamos tentando recuperalo pero é imposible, non damos abasto”, resume.

O desbordamento que refire Maside esténdese, como el mesmo anticipa, á maioría do sector. Así o confirma Alberto Iglesias, propietario da empresa Piscideza: “Este verán foi todo xunto. Ao comezar no mes de xuño temos unha demanda de medo... e seguimos”. Iglesias puntualiza que, con todo, o “enorme” tirón deste verán non se traducirá nun ano de grandes resultados. “Ao final estivemos moito tempo parados. Estes meses permiten recuperalo e, se cadra, ata facer algunha piscina máis que o ano pasado, pero sen moita diferenza”.

O panorama que impera no mercado das piscinas é o mesmo que manda na maioría de sectores que se viron impulsados no confinamento: a demanda medra pero non sempre é posible atendela. Así o recoñece tamén Gustavo Sánchez, que aluga e vende caravanas baixo o nome de Gus Vaning na vila coruñesa de Cambre. “Nótase que hai máis demanda, pero o número de vehículos en aluguer é o mesmo de outros anos, co cal as cifras do verán cubríronse moi rápido. Agora é practicamente imposible atopar algo ata outubro”.

Tanto Sánchez como Lucía Fernández -propietaria do negocio JC Caravan- recoñecen un incremento do interese dos clientes que non se traduce nunha maior facturación. “Poucas empresas se animaron a ampliar a frota logo dos tres meses do confinamento”, destaca Sánchez, que apunta que “haberá que agardar a ver como respira a cousa en inverno” para investir ou non. O tirón crecente deste tipo de turismo -“permite afastarse das aglomeracións”, razoa o dono de Gus Vaning- si cristalizou nun incremento das vendas destes vehículos, como dan proba dende Autocaravanas Costa da Morte. “Hai xente que tiña pensado mercalas en inverno pero, como non había para alugar, lanzáronse agora e xa a disfrutan no verán”, relatan.

Caravanas á venda. Marta Fernández Xara - Europa Press - Arquivo
Caravanas á venda. Marta Fernández Xara - Europa Press - Arquivo

SUPERMERCADOS DE POBO

Como reflexionaba Maside, a pandemia e o confinamento provocaron un regreso ao rural que tamén se deixou entrever na boa marcha de algúns dos negocios dos aldeas. Mentres os hipermercados de grandes superficies como Carrefour ou Lidl vían reducida a súa cota de mercado -así o apunta a auditora KANTAR-, negocios pequenos e de tradición familiar como o Supermercado Xelo, situado no concello coruñés de Abegondo, rexistraban un incremento de vendas “moi significativo”.

“A finais de marzo e en todo o mes de abril notouse unha subida xeral da facturación”, apuntan fontes da tenda, que destacan que no primeiro día laborable trala declaración do estado de alarma xa contaban con pantallas protectoras, unha medida que foron ampliando co paso das semanas. O impulso de supermercados como o Xelo, porén, veu motivado polo auxe do comercio de proximidade. “A xente estaba menos disposta a viaxar ós supermercados grandes das vilas”, razoan dende o establecemento.

"Corríase a voz de que tiñamos luvas e viña xente de fóra a coller todo o expositor"

O mesmo opinan dende o Supermercado Claudio, unha tenda “pequeniña, de 150 metros cadrados”, situada a apenas uns quilómetros do Xelo, no mesmo concello de Abegondo. “No confinamento notamos moita máis xente, a maioría que non era de aquí. Eu nunca lles vira a cara”, destaca a propietaria. “Posiblemente a xente de fóra veu para non ter que pasar polas áreas grandes”, coincide.

A afluencia de consumidores “da cidade” é un fenómeno do que tamén dan conta dende o Xelo, cuxos propietarios explican que tiveron que poñer un límite á venda de luvas porque “corríase a voz de que había e viña xente de fóra a coller todas as do expositor”. Aínda que esta medida só foi necesaria para o caso das luvas, dende a tenda explican tamén que, “por primeira vez”, tiveron problemas para abastecerse de lixivia e alcol, pero tamén de produtos como lévedo e fariña.

CLIENTES NOVOS NAS XARDINARÍAS

A uns centos de metros do supermercado Claudio atópase o local de Agroabegondo, unha tenda dedicada á venda de sementes, plantas e utensilios. A xardinaría foi outro dos negocios que se viron impulsados pola pandemia, como recoñece Verónica Gómez, empregada do local. “Notamos un incremento das vendas moi claro, sobre todo nas cousas da horta”, explica. Para Gómez, a suba da facturación está directamente relacionada coa restrición da mobilidade baixo o estado de alarma. “Xusto coincidiu a época da sementeira co confinamento. Moita xente animouse a plantar porque estaban na casa sen nada que facer”.

Aínda que a maioría das vendas foron parar ás hortas do rural, Gómez destaca que “tamén houbo xente que veu mercar plantas para poñelas nos pisos”. Tanto a empregada de Agroabegondo como Vanessa Lema, propietaria de A Nosa Leira (Carral) vencellan os bos resultados destes meses á entrada de novos clientes “que nunca plantaran pero animáronse”, en palabras de Lema. “Moita xente viña a preguntar porque non sabían como se facía”, explica. Ambos establecementos coinciden que, aínda que ‘febre’ dos primeiros meses xa remitiu, a experiencia deixou algún que outro cliente habitual: “sobre todo seguen vindo os máis mozos”, destaca Gómez.

A “PSICOSE” DAS FARMACIAS

Non tiveron tanta sorte como supermercados ou xardinarías as farmacias. Propietarios destes establecementos recoñecen un incremento notable da demanda que, porén, non foron capaces de atender debido á falta de stock. “O día que pecharon os colexios houbo unha avalancha total na venda de termómetros e alcol”, explica María Sánchez, titular da histórica Farmacia Couceiro, localizada no casco antigo de Betanzos. 

Sánchez explica que, unha vez os produtos contra a covid ‘voaron’ nos primeiros días, sucedeuse un desfilar da xente “do pobo e arredores” por todos os locais da vila. “Notábase moitísima máis xente, pero a facturación foi máis ou menos a mesma porque pedían produtos que non tiñamos. Todo escaseaba”. O mesmo destaca Lucía de Prado, titular da farmacia que leva o seu nome no Burgo. “Ao comezo houbo unha psicose e a xente viña por máscaras, xel hidroalcólico, alcol, luvas... ”.

Con todo, de Prado apunta que, “excepto uns días contados”, non quedou sen existencias de “produtos covid”. O mesmo sosteñen os titulares da Farmacia Zalaeta, situada no céntrico barrio coruñés do mesmo nome. “Tan só tivemos un desabastecemento puntual de máscaras nas primeiras semanas, cando a xente entrou en ‘modo pánico’”. En Zalaeta consideran que esta diferenza coas farmacias do extrarradio e o rural ten moito que ver co ‘éxodo’ que tivo lugar tralo anuncio do estado de alarma. “Moita xente marchou ós pobos e seguramente alí aumentaron as vendas con respecto ás cidades”, destacan.

AS CASAS RURAIS

Este retorno ó rural -compatible coa boa marcha dos pequenos supermercados e a construción de piscinas- toca de pasada ás casas rurais, que segundo algúns propietarios consultados por GC están a pasar unha tempada “nefasta”.  Outros falan dunha moi boa tempada, aínda que substituíron o turista estranxeiro polo galego.

Milagros López, a dona da Casa Bonifacio, situada no municipio lucense de Quiroga é moi crítica. “Perdemos o 95% das reservas que tiñamos en anos anteriores”, calcula. Algo semellante sinala Patricia Calvelo, a propietaria da Casa de Casal, situada na parroquia de Lestedo, a uns quilómetros de Santiago de Compostela. “Agosto está indo ben pero xullo frouxísimo, con moi pouca xente”. Para Calvelo a caída das reservas está directamente relacionada co temor da poboación ante os novos gromos, unha situación que, a curto prazo, será difícil de reverter. “Temos clientes habituais que son maiores e prefiren non saír da casa porque din que lles dá medo”.

Non acontece o mesmo na casa rural A Pedra, en Tomiño. "Aquí levamos con xente desde xuño", asegura Elena, a súa propietaria, quen destaca que a pandemia trouxo un cambio do tipo de turistas. "Pasamos dos ingleses aos galegos", asegura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alienao