Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2020 | Actualizada ás 21:52
Está o ocio nocturno a ser culpado dunha situación epidemiolóxica que vai máis alá do sector? Unha gráfica do número total de casos activos elaborada por Xornal de Vigo podería darlle a razón ós representantes do eido que denuncian estar a ser "criminalizados" por medidas "arbitrarias".
E é que segundo os datos publicados pola Consellería de Sanidade e reflectivos nesta gráfica, que inclúe como limiar o momento no que as institucións decidiron abrir o ocio nocturno. Esta reapertura tivo lugar no día 1 de xullo, cando a comunidade galega contaba cun total de 313 casos activos.
Tendo en conta que segundo as institucións sanitarias o tempo medio de incubación oscila arredor das dúas semanas, os datos da Consellería de Sanidade non parecen indicar unha relación directa entre a volta do ocio nocturno e o aumento de positivos. E é que 15 días despois da reapertura, Galicia contaba con 227 casos, 86 menos que a comezos de mes. 30 días máis tarde, a 1 de agosto, a conta seguía a ser negativa, se ben daba mostra dun incremento: 308.
Tal e como reflicte a gráfica de Xornal de Vigo, o espallamento do virus colle forza a partir da segunda semana do mes de agosto, impulsado fundamentalmente polos datos da área sanitaria da Coruña-Cee, que roza xa os mil contaxios. Tamén en agosto se disparou a chegada de turistas e emigrantes galegos que viven noutras partes de España.
Por outra banda, chama a atención que entre o período do 23 de xuño ao 3 de xullo, e pese a unha redución do número de casos activos, o Sergas aumentou o número de PCRs diarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.