Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/08/2020 | Actualizada ás 14:00
Críticas á Xunta de Galicia por "institucionalizar" o recurso administrativo da encomenda de xestión. Esta posibilidade, que permite a un órgano público delegar o desenvolvemento dunha tarefa noutro, estaría a ser empregada "de xeito sistemático" pola administración Feijóo para "fuxir do control parlamentario", derivando nunha situación de "administración paralela" na que florecen o "descontrol" e o "nepotismo".
Así o destacaron fontes da Administración autonómica de CCOO nun comunicado no que acusan á Xunta de desenvolver unha xestión "opaca" no tocante á súa intervención financeiro amparándose no recurso das encomendas. De xeito paralelo, critican que o manexo de fondos públicos baixo este modelo estea a seguir unha fórmula "absolutamente desregulada na contratación de persoal". Segundo o sindicato, o Goberno de Feijóo está "institucionalizando" este sistema para atender necesidades que "deberían cubrirse con emprego fixo e estrutural".
Por riba, o sindicato vencella a "nova Administración paralela" de Feijóo a unha estrutura "similar" á que estaba en funcionamento nos gobernos de Fraga e que "demostraron ser un pozo de dilapidación de recursos e incluso corrupción", aseveran. Neste aspecto, afean a Feijóo que dende a súa chegada ó poder en 2009 "recorrera" ás encomendas para "beneficiar empresas afíns, obviar as listaxes de contratación públicas e incluso manter o mesmo clientelismo ca na época de Fraga, pero con outro nome".
DEVOLVER Á ADMINISTRACIÓN
Segundo CCOO, seguen sen integrarse na estrutura da Administración xeral da Xunta de Galicia varios organismos públicos: CIXTEC, IGAPE, AGADER, INEGA, CETECA, Centro Superior de Hostalería de Galicia, Portos de Galicia, INTECMAR, EPOSH, Axencia Galega de Emerxencias e Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Ante esta circunstancia, o sindicato esixe que se retome "de inmediato" a integración de todos os entes públicos na Administración xeral da Xunta, co obxectivo de "homologar salarios, dereitos e condicións de traballo". "Estes postos han ser cubertos mediante as listaxes de contratación públicas —transparentes e con participación sindical—, para cuxa inscrición se esixiu o pagamento das correspondentes taxas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.