Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2020 | Actualizada ás 19:36
Os sindicatos CC.OO., UXGT, CIG e CSIF acusaron á Consellería do Medio Rural de aplicar "descontos ilegais" nas nóminas dos técnicos forestais contra incendios, en folga desde o pasado 1 de agosto, como "represalia" por esta medida de protesta e comunicaron o seu acordo para "formular a correspondente demanda xudicial por vulneración grave de dereitos fundamentais".
Así llo trasladaron aos traballadores afectados, aos que indicaron que, na demanda, pedirán que se repoñan as cantidades non abonadas. Nun comunicado conxunto aseguraron que a Xunta pretende "amedrentar e desmovilizar" aos traballadores, tras comprobar o "éxito" da folga, secundada "de forma maioritaria", e que isto é unha "represalia".
Estes descontos aplícanse nos días nos que os traballadores desenvolven o seu labor en cumprimento dos servizos mínimos, segundo os sindicatos, que indicaron que se respectaron de forma "estrita" eses mínimos, o cal "dá fe da máxima responsabilidade e compromiso do colectivo".
Así, consideran que isto é "un acto de mala fe" de Medio Rural para "coaccionar" aos traballadores e tratar de "impedir o exercicio do dereito a folga". Esta actitude, agregaron, é "antidemocrática, antisindical e contraria aos dereitos fundamentais e as liberdades públicas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.