Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2020 | Actualizada ás 22:20
Primeiro foron as orcas, agora as baleas. As costas galegas están a agasallar unha fin de verán repleta de sorpresas para os navigantes e investigadores que se adentran nas súas augas. O último descubrimento vén da man do centro de investigación Bottlenose Dolphin Research Institute, afincado no Grove e dirixido polo seu fundador, o biólogo Bruno Díaz.
Segundo apunta o investigador, as augas galegas -en particular as que rodean ás Rías Baixas- están a ser nos últimos días escenario para unha cantidade "fóra do normal" de baleas azuis, o maior animal coñecido no mundo. "Dende 2017 conseguimos divisar e catalogar un total de 6 exemplares distintos. Só na xornada de onte avistamos 9", relata Díaz con ledicia. Parte dos avistamentos dos últimos días tiveron lugar nos arredores das Illas Cíes, onde foi recollido o vídeo seguinte.
ATRAÍDAS POR UNHAS AUGAS "EXCEPCIONAIS"
Polo momento descoñécese o porqué da concentración "extraordinaria" de exemplares, unha cuestión que "forma parte da investigación", apunta Díaz. "Estamos buscando hipóteses", explica o biólogo, que sinala a un "repunte da poboación" como posible base do incremento. "Nos últimos anos vimos como algúns exemplares se ían achegando á costa galega, así que é posible que se 'correra a voz' e agora baixen máis", explica.
Neste aspecto, Díaz vencella o incremento do tránsito destes animais á "riqueza excepcional" das augas galegas, en particular no relativo ó seu alimento. "As baleas aliméntanse de krill do norte en grandes cantidades", explica o biólogo, que destaca a "calidade do krill galego" e o seu papel na atracción destes enormes cetáceos.
PERIGO PARA OS NAVIGANTES
O descomunal tamaño desta especie implica, á parte, un perigo para os navigantes da zona. "Unha colisión pode ser fatal tanto para o animal como para os mariñeiros", pondera o investigador. Por esta razón, Díaz apunta que nada máis comprobar os avistamentos deron un aviso ás autoridades para que pedisen precaución entre as embarcacións da área. O perigo que revisten as baleas, destaca o biólogo, é maior que no caso das orcas: "sería como comparar un cadeliño cun elefante".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.