Hai anos, unha protesta local dirixida contra o PXOM proposto polo alcalde Caballero interrompía unha conferencia do, na altura, vicepresidente Anxo Quintana na vella reitoría do Areal da universidade viguesa. A actitude dos manifestantes era moi agresiva e ameazante e mesmo a Policía autonómica tivo dúbidas sobre suspender a palestra ou disolver aos manifestantes. En último de contas, a actitude de tranquilidade e de diálogo permitiu que os manifestantes (un deles, sen pensar ben no que dicía, viña de ameazar de morte a quen isto escrebe) depuxesen a súa actitude e permitisen continuar o acto. O segredo foi non botar mán da forza e darmos a cara para escoitar respectuosamente á xente.
Algo semellante ven de pasar no conflito das preferentes entre a actitude intelixente do alcalde de Moaña fronte á represiva da alcaldesa de Sanxenxo ou á medoñenta do alcalde de Ponteareas. Porque até o Ministro do Interior ha recoñecer que ás mobilizacións a prol dos afectados polas preferentes vai a xente común. Vai a xente que emigrou ou traballa arreo para quitar a familia adiante e estudar os fillos. Van os aforradores galegos, obrigados por lei a financiar o saneamento bancario. Ben dicía o mesmo Santo Tomé –do que non se pode dicir que fose antisistema- que a lei inxusta non obriga.
É lóxico, entón, seguermos a falar dos problemas destes aforradores -ou dos cidadáns desafiuzados por mór dunha normativa procesual declarada contraria aos dereitos dos consumidores polo Tribunal da UE- no canto de nos fixar no xeito que protestan Ada Colau ou as Plataformas galegas de afectados, sempre que sexa por medios pacíficos, como foi até de agora.
Gandhi dixo que os resultados da non violencia marabillan mesmo aos que a practican. Velaí a necesidade de que os seus axentes coiden da continuidade das súas protestas por estes medios pacíficos para seguer investidos da lexitimidade da que desfrutaron até de agora.