Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 12/09/2020 | Actualizada ás 22:00
O novo conselleiro de Sanidade era ata o de agora xerente da EOXI de Vigo despois de ter relevado desa posición a Félix Ruibal. O relevo foi case esperpéntico, García Comesaña iría para Vigo despois de dirixir a EOXI de Ourense e Ruibal para Ourense despois de dirixir a EOXI de Vigo. Anteriormente a Ourense, Comesaña participara na reordenación da área sanitaria viguesa desde a Dirección do Complexo Hospitalario olívico. Comesaña é licenciado en Físicas pola USC, está ligado ao SERGAS por ter o título de xefe do servizo de protección radiolóxica do Consejo de Seguridad Nuclear. Á parte conta cun currículo onde figuran especialidades en xestión e liderado. Será todo isto abondo para recoller o que deixa atrás Vázquez Almuíña?
ESPERA DE ACONTECEMENTOS
A opinión dalgúns representantes sindicais sanitarios é que García Comesaña é unha persoa con pefil dialogante. “Coincidín con el nalgún momento e parece unha persoa dialogante, que escoita” di Javier Martínez de UGT-Sanidade, que aínda así “haberá que lembrarlle en que situación está agora mesmo a sanidade en Galicia” en próximas reunións.
“Nós queremos esperar antes de emitir valoracións, aínda que segundo informacións sobre a súa xestión na área de Vigo, a impresión é positiva” di Emilia Lamas de CC.OO. O que si ten claro Comisións é que “quen marca a axenda sanitaria e política é Núñez Feijóo”, de aí o temor a unha continuidade pola mesma vía marcada desde a primeira lexislatura de Feijóo e sobre todo, durante os últimos meses.
“O cambio que intuímos é que non queren cambios, a política sanitaria en Galicia vai ser a mesma” di Manuel Martín da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP). “Non esquezamos que Comesaña aplicaba as políticas de Almuíña na EOXI de Vigo, ogallá haxa algún cambio mais tememos que non será así”.
“Unha única persoa non cambiará nada, esperamos que sexan certas as palabras de Feijóo sobre cambios dentro da política sanitaria da Xunta” declara María Xosé Abuín da CIG. Entre algúns deses cambios desexados están “a eliminación das EOXIS”, sistemas de xestión que son vistos como unha maneira de afastar os centros sanitarios das tomas de decisións. “Tampouco sabemos que persoas formarán o novo equipo da Consellería, o que si esperamos é que a Dirección Xeral de Sanidade se deixe ver logo de tempo desaparecida”.
UN LONGO LEGADO PARA CAMBIAR
“García Comesaña pode cambiar a sensibilidade da Consellería, mais para nós a pregunta é que vai permitir facer Feijóo?” di Abuín. Existen numerosos puntos que se porán sobre a mesa en caso de reunións co novo conselleiro, todos irán enumerados de maior a menor importancia. “O primeiro é a Atención Primaria, vemos necesaria unha xerencia exclusiva para esta área” apuntan desde a CIG.
Neste sentido a AGDSP ve reflectida sobre a Atención Primaria a política de prioridades aplicada por Feijóo. “Os cidadáns perderon dereitos, agora as consultas son telefónicas, hai riolas de xente esperando por turno fóra dos centros de saúde e o peor é que coa pandemia non se fixo nada por recuperar ese sistema de atención” di Manuel Martín. Xunto a isto, Martín teme que “aumenten as listas de espera para outras enfermidades e que acaben conxestionando todo o sistema”. E a peor das consecuencias deste estremo é “o aumento de mortandade por enfermidades que poderían terse solucionado sen maiores incidencias”.
Javier Martínez pon tamén como tarefas que o SERGAS e a Xunta deben “fidelizar persoal sanitario” coa eliminación do sistema de contratación actual, cuxos resultados poden ofrecer ata cen contratacións dunha soa persoa durante un único ano. “E xunto a iso poñer a Galicia no mapa sanitario mantendo unhas retribucións polo menos comparables á media do Estado”.
“Hai que abrir a oferta de emprego no SERGAS para acabar coa contratación precaria que existe a día de hoxe” di Emilia Lamas. CC.OO tamén rexistrou non seu momento unha petición “para a modificación do protocolo para os centros educativos” e a súa mellora.
A consecución dos puntos sinalados ata aquí axudarían á creación, implementación e eficacia “dun plan de continxencia para facer fronte á COVID-19, e non termos un conselleiro que dea titulares de prensa” segundo describe María Xosé Abuín. “Deben acabar as taxas de reposición e pasar á creación de equipos con verdadeiras políticas sanitarias”.
García Comesaña ten por diante unha tarefa importante como é a de facer fronte á COVID-19 desde un sistema sanitario cuxa xestión está moi discutida por profesionais e xente cercana a ese sistema. A pregunta dos profesionais e que se expuxo nestas liñas é: ata onde lle deixará actuar Feijóo?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.