Bocareus, sardiñas, escarpóns e salmonetes están infestados de microplásticos

Científicos atopan partículas de polímeros sintéticos no 78 % de mostras de exemplares destas especies capturados para un estudo en todo o Cantábrico e en augas atlánticas de Galicia.

Por Alberto Quian | Madrid | 16/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Se vostede decide comer hoxe bocareu, sardiña, escarpón, salmonete ou calquera peixe depredador destes, debe saber que na súa inxestión podería estar introducindo microplásticos no seu organismo (fragmentos de plástico de menos de 5 milímetros de diámetro). O problema non é novo: científicos mariños de todo o mundo veñen alertando nos últimos anos da masiva contaminación de océanos e mares por plásticos e microplásticos. En Galicia xa se detectaron microplásticos no 100 % dos golfiños que varan na nosa costa, e no río Miño foi xa rexistrada a presenza de fibras plásticas en peixes. Son só algunhas das moitas evidencias científicas existentes sobre este problema planetario.

Plásticos no mar
Plásticos no mar | Fonte: NOAA.

Agora sabemos tamén que bocareus, sardiñas, escarpóns e salmonetes das augas galegas e de todo o Cantábrico levan consigo microplásticos, no seu tracto dixestivo. Así o demostra un novo estudio científico feito por investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo e o de Santander –do Instituto Español de Oceanografía–, cuxos resultados veñen de ser publicados na revista científica Marine Pollution Bulletin.

Os investigadores avaliaron a incidencia de microplásticos no tracto dixestivo de exemplares de Engraulis encrasicolus (bocareu), Sardina pilchardus (sardiña), Callionymus lyra (escarpón) e Mullus surmuletus (salmonete), capturados en 2018 no Cantábrico e en augas atlánticas de Galicia para o estudo da súa dieta. En total, disecaron 787 exemplares destas catro especies e analizaron o contido dos seus estómagos. Destes exemplares, 64 foron separados para a análise de microplásticos (15 de cada especie, agás do escarpón, do que se seleccionaron 19).

Na súa exploración, os científicos conseguiron illar 100 mostras de microplásticos atopados en 50 dos 64 exemplares (78 %).

Observaron a presenza de microplásticos no tracto gastrointestinal das catro especies de peixes seleccionadas e a frecuencia de aparición foi superior ao 60 % en todas, coa porcentaxe máis elevada nos casos do bocareu e a sardiña (87 %), seguidos polo escarpón (79 %) e o salmonete (60 %).

Rexistráronse, ademais, dúas formas de microplásticos: fibras (88 % do total) e fragmentos (12 %). Mentres que os principais tipos de polímeros identificados foron o polietileno e o polipropileno.

Nas análises comprobouse, ademais, un aumento significativo no número de microplásticos a medida que aumentaba o tamaño dos exemplares.

Os científicos subliñan que é “de suma importancia” investigar a inxestión de  microplásticos por estas especies, xa que “son presa clave para os principais depredadores e a transferencia de contaminantes a través da rede alimentaria remata no consumo humano”.

MICROPLÁSTICOS NAS AUGAS DE GALICIA

A contaminación por microplásticos en augas de Galicia comprobouse xa en varios estudios científicos. Por exemplo, investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo analizaron a presenza de microplásticos na colonia de cría de corvos mariños cristados na illa de Ons, que forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.

No estudo foron analizadas as bólas formadas por restos de alimentos non dixeridos e regurxitados polas aves, coñecidas como egagrópilas. Nunha mostra de 41 bólas inxeridas e devoltas polos corvos mariños cristados, os científicos atoparon fibras microplásticas no 63% dos gránulos vomitados por estas aves, “o que suxire que este tipo de contaminación plástica prevalece na área de estudo”.

Neste caso, as fibras de nailon foron as partículas plásticas máis abundantes atopadas, representando o 63% do total identificado, seguidas do poliéster. Porén, as partículas máis grandes corresponderon ao etilvinilacetato.

Xa que estas aves mergulladoras capturan especies bentónicas nos fondos mariños onde se atopan as bateas, a hipótese que manexan os científicos é que parte deses microplásticos proceden dos aparellos que utiliza a industria bateeira para o cultivo do mexillón.

Outra investigación do Centro Oceanográfico de Vigo e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) mostrou que o 100 % dos golfiños varados na costa galega presentan microplásticos nos seus estómagos.

Neste caso, os científicos analizaron e cuantificaron a presenza de microplásticos en 35 mostras de estómagos de golfiños comúns varados en Galicia entre os anos 2005 e 2010. Os investigadores chegaron a extraer un total de 411pezas plásticas a todos os exemplares.

A contaminación por plásticos e microplásticos é un problema global. Oito millóns de toneladas de plástico son vertidas cada ano nos océanos e mares de todo o mundo, segundo un estudo publicado na revista Science feito por investigadores de universidades norteamericanas.

Para facernos unha idea da súa dimensión, sería o mesmo que colocar cinco bolsas da compra cheas de plásticos cada 30 centímetros de costa no mundo. Para 2025 o panorama é aínda máis desolador se non se aplican medidas correctoras urxentes: esas cinco bolsas cheas de plástico converteranse en dez cada 30 centímetros de costa, dobrando a cantidade de lixo nos mares na mesma extensión. Deses oito millóns de toneladas de plástico que caen ao mar cada ano, só 245 mil están flotando na superficie, o resto atópanse nas profundidades, invisibles para nós.

O futuro preséntase desolador. De proseguir así, a comunidade científica xa avanzou que en 2050 haberá máis plástico que peixes nos océanos.

A alerta é mundial ante a ameaza dun mar de plásticos. E Galicia é unha das rexións europeas que lidera a investigación científica sobre lixo no mar e, en particular, sobre microplásticos.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 PlasticusNon

Suxírovos que fagades un artigo sobre o Teflón. As multas á empresa DuPont (du Pont de Nemours), multinacional química estadounidense, por contaminar a auga con C8 (produto para a fabricación do Teflón, que é un fluorocarbono que non se elimina dos organismos e produce varios tipos de cáncer e outras doenzas e malformacións. Iso ocurriu na fábrica que ten en West Virginia e haoubo (hai) milleiros de afectados. Foi un proceso que levou moitos anos, pois xa comezou nos anos 90 do século XX e continúa aínda hoxe con indemnizacións millonarias aos afectados. Recomendo ver a película "Aguas Turbias" e investigar sobre o envelenamento masivo das persoas con estes materiais do Teflón (PFOA e similares). A empresa 3M foi a primeira en sacar ese material e desbotar fabricalo porque sabían os seus efectos nocivos, DuPont tamén o sabía e continuou con efectos terribles en empregadas sobre todo en cinta.