Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2020 | Actualizada ás 09:00
"Entendo que é difícil xestionar a tentación, pero o mellor é non tocalo". Esta frase viría a resumir as recomendacións do investigador Bruno Díaz, fundador e director do instituto BDRI, a respecto dos contactos con cetáceos rexistrados ao longo das últimas semanas nas costas galegas. Díaz ten unha advertencia para os compañeiros de Manoliño, o máis celébre dos arroaces: "estas cousas acábaas pagando o animal".
Aínda que o contacto con este tipo de especies está penado por lei, segue a ser unha práctica habitual -que o investigador ve "comprensible"- da que dan proba os múltiples vídeos viralizados nesta fin de verán."Trátase dun comportamento habitual", explica o investigador. "Os arroaces, sobre todo na súa etapa adolescente -á que parece pertencer Manoliño- interactúan con outros delfíns e, nalgúns casos, con humanos".
Con todo, Díaz non dubida en desaconsellar ferventemente o contacto co cetáceo, calificando de "fraco favor" os posibles lazos afectivos desenvoltos entre este e os seus compañeiros da Ría de Muros-Noia. "Estes animais deben estar nadando con outros delfíns, non con humanos. Con estas prácticas estámolo alonxando da súa vidal social normal", pondera.
O investigador do BDRI discrepa das teorías que suxiren que Manoliño foi expulsando da súa manda e agora busca o cariño das persoas. "Debemos falar máis ben dunha 'expulsión natural', na que o delfín, como parte da súa independencia, se lanza a descubrir o mundo pola súa propia nai", describe a respecto dun proceso que adoita comezar a partir dos dous anos de vida.
A proximidade actual de Manoliño ós mariscadores e navigantes, pois, non tería que ver cunha hipotética expulsión por parte dos seus compañeiros senón coa súa propia iniciativa. "Os arroaces teñen unha sociedade complexa e flexible, pasan o rato con grupos distintos", destaca. Isto implica, para o investigador, que as preferencias do delfín poderían cambiar, volvendo a integrarse cos seus.
POSIBLE AGRESIÓN SEXUAL
A problemática xurdiría no caso de que o contacto coas persoas rematara por alonxar a Manoliño definitivamente da súa especie. Esta situación podería derivar nun conflito cando, "aos 8 ou 9 anos de vida", o arroaz chegue á súa madurez sexual. "Isto podería presentar perigo na súa interacción coas persoas", destaca o investigador, que refire casos documentados en distintas partes do mundo de delfíns en plena erupción hormonal que se propasan con humanos. "Podería rematar agredindo sexualmente á xente", explica, "e estamos a falar dun animal de 3 metros e medio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.