Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2020 | Actualizada ás 13:17
BNG e PSdeG presionaron este luns para que os populares acepten constituír, no pleno que se celebrará na Cámara galega a partir deste martes, unha comisión de investigación sobre a situación das residencias de maiores e a crise sanitaria.
O debate terá lugar por mor dunha proposta introducida polo BNG, na que os nacionalistas reclaman que se investigue sobre a xestión da pandemia do coronavirus nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade. Tamén se abordará esta cuestión nunha iniciativa de impulso introducida polo PSdeG.
O PPdeG xa lembrou en días pasados que a oposición tiña a capacidade de constituír de forma automática unha comisión de investigación na Cámara --por lexislatura--. Este luns, o portavoz parlamentario, Pedro Puy, apelou a que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu á comisión non permanente de estudo para a reactivación económica, social e cultural tras a crise do covid os debates relacionados por esta cuestión: "É fácil saber" cal será a postura, agregou, suxerindo que non prosperará.
En rolda de prensa, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou o "compromiso claro" da formación nacionalista para traballar co "triplo obxectivo de detectar os erros" que se cometeron e "evitar caer dúas veces na mesma pedra". Así mesmo, considerou necesaria unha investigación para "abordar un cambio de modelo" e que "non se faga negocio co dereito a unha vellez digna".
"Quedan 24 horas para o primeiro pleno e queremos pedirlle a Feijóo que cambie (a súa postura) e mañá acepte unha comisión de investigación", emprazou, pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na súa intervención este luns, na que reclamou, neste sentido, "talante construtivo e positivo", porque "cando o PP non quere investigar algo, ten os mecanismos para obstaculizar e acabar limitando as investigacións necesarias".
"PÓR O FOCO"
Pontón quixo "pór o foco" na cuestión das residencias e, tras enviar todo o "afecto e agarimo" a aquelas persoas que perderon un ser querido como consecuencia da covid-19 e afirmar que "a súa dor é a nosa dor", manifestou o "compromiso moi claro" do BNG para "pescudar que fallou, que se detecten os erros para evitar caer dúas veces na mesma pedra e abordar un cambio de modelo para o dereito a unha vellez digna".
Para Pontón, é unha "obriga moral" coñecer o ocorrido nestes centros. "Hai un feito dramático, que se viron abandonados e non podemos permitir que os nosos maiores acaben abandonados despois do duro esforzo" das súas vidas, dixo Pontón, quen pediu a Feijóo que "non use o rodete" e poida ver a luz esta comisión.
A xuízo da deputada, é "comprensible" que en marzo non estivesen preparadas, pero "seis meses despois a resposta non pode ser a improvisación".
Gonzalo Caballero mostrou a "preocupación" do grupo socialista pola situación das residencias e lembrou a intervención, este fin de semana, dunha delas novamente, esta vez, en Culleredo. Así, dixo que "hai que tomar medidas porque son insuficientes" as que se abordaron e considerou que se chegou "tarde" a estes centros.
"Debémoslles aos maiores que viven en residencias unha comisión de investigación con carácter construtivo e propositivo, un gran consenso para tomar todas as medidas necesarias", manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.