Por Galicia Confidencial | A Coruña | 21/09/2020 | Actualizada ás 20:00
Xaime Calviño, responsábel de Economía de La Opinión de A Coruña, e Santi Riveiro, redactor de Galicia de El Correo Gallego, son os dous gañadores do IV Premio Cegasal de Xornalismo 2020, no que colabora o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG).
Caviño foi premiado por unha reportaxe sobre un programa piloto para fomentar o emprego entre persoas con enfermidades mentais, fruto da colaboración de Hornos Lamastelle e o laboratorio farmacéutico Janssen; e Riveiro, por unha serie de artigos sobre a economía social, ofrecendo unha perspectiva obxectiva, realista e actual sobre os centros que empregan a persoas con discapacidade.
Dous galardóns que responden ao obxectivo co que se crearon hai xa catro años os Premios Cegasal de Xornalismo: recompensar o traballo que realizan os xornalistas dando a coñecer o labor que despregan os centros de iniciativa social á hora de formar e empregar as persoas con discapacidade. "Ao longo deste tempo, foron varios os profesionais de diferentes medios os acredores deste galardón, e dáse a circunstancia de que tanto El Correo Gallego como La Opinión de A Coruña foron dous dos xornais premiados na primeira edición, o que vén a constatar a aposta de ambos os dous diarios pola economía social", apunta o CPXG nun comunicado.
Neste sentido, destaca que o labor dos xornalistas é fundamental para dar a coñecer á sociedade que "outro tipo de economía é posíbel, que é factible apostar por modelos máis solidarios sen deixar de lado a conta de resultados". Así, lembra que, no caso dos centros especiais de emprego, estes contan con cadros de persoal nos que máis do 95% dos traballadores teñen algunha discapacidade física, orgánica ou intelectual ou sufren algunha enfermidade mental. A posibilidade de lles ofrecer un traballo e a estabilidade que vén asociada ao mesmo é a meta que persegue desde a súa creación en 1997 a asociación que preside José Antonio Vázquez Freire.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.