Por E.P. | VIGO | 23/09/2020 | Actualizada ás 10:47
A Escola de Cantaría da Deputación de Pontevedra iniciará o próximo 1 de outubro as clases presenciais do curso 2020-2021, cando se aplicarán medidas de seguridade adoptadas debido á pandemia da COVID-19.
Segundo trasladou a institución provincial, tras o confinamento, o centro reabriu as súas portas a comezos do pasado mes de xuño e dispón dun estrito protocolo de seguridade que implica unha intensificación na limpeza e a desinfección e o mantemento da distancia interpersoal.
As persoas interesadas en acceder a estudos de cantaría ou de mestre canteiro poderán matricularse ata o vindeiro luns. Así, poderán inscribirse mediante un formulario dispoñible na páxina web do centro e deberán formalizar a súa matrícula desde esta semana.
Ademais, será preciso dispor do título de graduado escolar ou equivalente para acceder á formación de cantaría impartida no centro, que consta de tres anos de formación e para a que se ofrecen 25 prazas por curso. En concreto, as saídas laborais que abre están relacionadas coa construción, a escultura, a restauración e a rehabilitación.
Así mesmo, ofrécense outras 25 prazas para cada un dos dous cursos dos que consta a formación para optar ao título de mestre de cantaría, que require dispor do certificado de cantaría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.