A baixada dun encoro no Eume deixa ao descuberto un vertedoiro en pleno parque natural

ADEGA denuncia que se trata de verquidos realizados por Endesa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

A baixada do nivel da auga contida no encoro da Capela vén de deixar ao descuberto as "vergoñas" de Endesa. Esa é a denuncia que realiza a plataforma ADEGA logo de que, nas últimas xornadas, comezaran a ser apreciables as "pegadas" no río Eume logo de "case medio século" empregando o encoro como un "vertedoiro".

Estado do encoro da Capela logo da baixada do nivel da auga
Estado do encoro da Capela logo da baixada do nivel da auga | Fonte: ADEGA

En concreto, dende a asociación ecoloxista destacan que o baixo nivel das augas permite comprobar a presenza de lamas e refugallos mineiros "con alto potencial contaminante" deitados no vaso. Hai "lama de rechamantes cores oxidadas, fragmentos de lignito, restos de cinsas e outros refugallos mineiros e industriais", sosteñen.

Dende a plataforma apuntan directamente á empresa Endesa como responsable destes verquidos. Segundo destacan, foi por 1953 cando unha concesión do goberno franquista permitiu á socieade a explotación dun fragmento do río Eume. O espazo, que comprendía 3'4 kilómetros, foi secado na súa práctica totalidade ata que, en 2010, unha intervención da Fiscalía obrigou á empresa a "presentar un proxecto para liberar o debido caudal ecolóxico", explican.

"VERTEDURAS" DA MINA

O dano, porén, estaba feito. O que hoxe se aprecia no chan do encoro é o resultado "das verteduras da mina e dos arrastres e escorrentías arredor do enorme oco mineiro", que segundo sosteñen dende a plataforma verde hoxe se atopa convertido nunha enorme balsa "de máis de 800 hectáreas".

Fronte a este dano, que segundo os ecoloxistas continuou máis alá de 2010 nas sucesivas actuacións da empresa, a solución pasa por "declarar caduca a concesión e obrigar a restaurar o río" para poñer fin á "aldraxe" da zona. "Endesa xestionou esta explotación como o seu cortijo particular durante décadas, coa comenencia das administracións. Incumprimentos reiterados da Lei de Augas, de Pesca Fluvial, dos caudais ecolóxicos...", sinalan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta