Gonzalo Caballero denuncia que Alcoa "xogue" co futuro da Mariña despois de "recibir centos de millóns públicos"

O secretario xeral do PSdeG apelou a levar a cabo "un esforzo entre todos para que a planta continúe e se manteña con emprego".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2020 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou que a multinacional Alcoa "xogue" co futuro dos traballadores da planta de Cervo e, por conseguinte, da comarca da Mariña despois de recibir "centos de millóns de euros" en axudas públicas.

Así se pronunciou en declaracións aos medios este domingo antes de participar na manifestación convocada polo comité de empresa de Alcoa San Cibrao na localidade mariñá de Xove.

Unha manifestación que se produciu a poucas horas do vencemento do prazo dado pola multinacional do aluminio para explorar a venda da factoría ou iniciar o proceso de peche, que afectaría a máis de 500 traballadores.

Neste sentido, Caballero apelou a levar a cabo "un esforzo entre todos para que a planta continúe e se manteña con emprego". "Hai que conseguir que ese acordo de venda sexa real", incidiu o líder dos socialistas galegos, que defendeu o papel xogado polo Goberno do Estado, no que participa o seu partido.

Así as cousas, despois de convidar á Xunta a que colabore cun Executivo central que ve "plenamente comprometido" co futuro da factoría, Caballero censurou que Alcoa se peche a negociar a venda da planta ao grupo Liberty.

"Unha compañía como Alcoa que recibiu centos de millóns de euros non pode xogar a vetar unha viabilidade para unha planta tan importante", remarcou, antes de apelar a manter "todas as vías de presión e intervención legalmente viables para que a venda se faga realidade".

"O Estado español ten que gañar esta batalla fronte a unha multinacional que se encheu de diñeiro público e que está a pasar a un nivel de irresponsabilidade inadmisible", sentenciou Caballero.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta