Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2020 | Actualizada ás 22:20
Chamábase Francisco Miguel Fernández Mora ou, segundo outras fontes, Francisco Miguel Fernández Fernández Díaz, e mesmo Francisco Miguel Fernández Morantinos. Quizais por iso todos o coñecían co seu nome artístico: Francisco Miguel. Nado na coruña nos últimos compases do século XX, a historia de Francisco Miguel é a dun artista e dinamizador cuxa vida foi segada pola represión franquista.
Nas primeiras décadas do século XX, o florecemento do galeguismo desenvolvíase a cabalo entre dúas cidades: A Coruña e Ourense. Quizais polo histórico mitin de Porteiro Garea no casino -que supuxo o salto á política das Irmandades da Fala- a Coruña quedou como a vila máis combativa do movemento galeguista. Os ourensáns, mentres tanto, conservaron un papel máis cultural, impulsado polos homes do Cenáculo Ourensán, é dicir, Risco, Otero Pedrayo e López Cuevillas, ós que logo se lles uniría Castelao.
A historia, porén, é rica en complexidades, e non debe quedar para o esquecemento que a Coruña tamén tivo unha escea cultural activa nos anos da ditadura de Primo de Rivera e a Segunda República. Un dos focos deste movemento foi, precisamente, a chamada Librería de Artes, que estaba ó cargo de Francisco Miguel.
ILUSTRADOR VANGARDISTA
O papel do libreiro coruñés na dinamización cultural da vila, porén, foi máis alá de ofrecer un espazo para os debates e tertulias nos que se fraguou a escena artística coruñesa do primeiro século XX. Francisco Miguel, pintor, ilustrador e crítico, colaborou na coñecida Revista Alfar, que nesas primeiras décadas do século pasado liderou a entrada da cultura coruñesa nas vangardas europeas.
A fin de Francisco Miguel había de chegar, como a de tantos intelectuais comprometidos co galeguismo, co estalido da Guerra Civil. Poucas semanas despois do golpe de estado dos Nacionais, Francisco Miguel foi detido polas forzas falanxistas a raíz dunha denuncia que -segundo as memorias da súa muller- era falsa.
Aínda que a primeira intervención da represión franquista non chegou a un paseo, o pintor foi apresado un mes despois nun episodio que remataría co seu fusilamento, do que hoxe se cumpren 84 anos. A efeméride foi rescatada da memoria na honra do dinamizador coruñés, que a día de hoxe está enterrado nunha tumba sen nome en Carballo.
#TalDíaComaHoxe de 1936 era asasinado polo fascismo o pintor e libreiro coruñés Francisco Miguel Fernández Mora. Detido en varias ocasións nos últimos meses foi torturado con gran brutalidade, converténdose nun símbolo da Galiza Mártir polo estado no que se atopou o seu corpo. pic.twitter.com/NFzz70X253
— Galiza Sempre (@galizasempre) September 28, 2020
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.