O mesmo ca o espallamento dos presos lonxe da súa contorna familiar e vital. Ou o mantemento dese Tribunal de excepción que é a Audiencia Nacional, que sucedeu ao Tribunal de Orde Pública franquista e vulnera, todos os días, o dereito constitucional ao xuiz ordinario legalmente presinalado.
O alto o fogo de ETA é unha realidade obxectiva e a sociedade civil está preocupada por outra caste de problemas. Velaí unha boa oportunidade para derrogar esta lexislación excepcional que, nos últimos anos, foille aplicada a varios mozos galegos. É evidente que calquera violencia política non pode xustificarse e ha ser castigada penalmente. Mais o que resulta un grave exceso son as longuísimas penas impostas e a duración da prisión preventiva atendendo á natureza dos feitos, a presunción automática da existencia dunha banda orgánicamente xerarquizada, o afastamento dos presos de Galicia ou a criminalización das entidades sociais ás que pertencen estas persoas. Porque o feito de que alguén cometa un delicto non autoriza para incriminar automáticamente ás entidades sociais e políticas ás que o devandito individuo pertenza, como está a acontecer neste País.
En democracia compre perseguirmos o delicto por medios proporcionais e compatíbeis cos dereitos humanos. Mais na persecución de determinados actos de violencia política en Galicia-non máis admisíbeis nin menos delictivos polo feito de non causar danos persoais- hai tempo que se sobardou toda medida e proporcionalidade.
A arrincadeira: Elvira Varela Bao e Arturo Kress
A Coruña homenaxeu,como republicana do ano, á profesora Elvira Varela Bao, que dedicou á súa vida a formar en valores de liberdade, galeguidade e responsabilidade varias xeracións de alunos, aló no seu San Roque de Afora. Os país de Elvira, galeguistas e republicanos, sofriron a dura represión que caracterizou o trunfo franquista n’A Coruña.
Elvira é nai do grande músico Arturo Kress, autor, entre outras da banda sonora de “El bosque animado”.