Investigadores da USC culminan a reacción química máis complexa desenvolvida ata o momento nunha célula viva

Este descubrimento abre un abano de posibilidades en campos como a bioloxía sintética ou a biomedicina, porque se usaron reaccións catalíticas que non existen na natureza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2020 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela conseguiron dar un novo impulso na catálisis artificial de células vivas, aplicando unha metodoloxía baseada na catálisis con rutenio para lograr a reacción química máis complexa desenvolvida ata o momento dentro dunha célula viva.

Segundo informou a institución académica, este descubrimento abre un abano de posibilidades en campos como a bioloxía sintética ou a biomedicina, porque se usaron reaccións catalíticas que non existen na natureza, como as de cicloadición.

Así, segundo sinalou o director do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, José Luís Mascareñas, mediante este método poden prepararse un tipo de moléculas, as antraquinonas, que están presentes en plantas e outros organismos, pero non nos mamíferos. Usando esta tecnoloxía os mamíferos si poderían producir ese tipo de moléculas. A reacción de cicloadición realízase de forma común en laboratorios, pero non está presente nos procesos metabólicos naturais.

O grupo de investigación dirixido polo catedrático Mascareñas leva tempo traballando no deseño de catalizadores artificales (distintos ás encimas) que sexan capaces de inducir transformacións químicas en organismos vivos. Esta investigación tamén permite coñecer ata que punto pódese "estresar" aos sistemas vivos para xerar metabolismos artificiais sen que haxa efectos citológicos.

Este estudo, que abre a posibilidade de sintetizar moléculas artificales de estrutura complexa en sistemas vivos, foi realizado polo estudante de doutoramento Joan Migueal Ávila e pola investigadora nova María Tomás-Gamasa, e foi recoñecido pola revista 'Angewande Chemie', unha prestixiosa publicación do ámbito da Química.

Os científicos José Luís Mascareñas, Joan Miguel Ávila e María Tomás-Gamasa,  do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, da Universidade de Santiago de Compostela.. USC
Os científicos José Luís Mascareñas, Joan Miguel Ávila e María Tomás-Gamasa, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, da Universidade de Santiago de Compostela.. USC | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta