Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2020 | Actualizada ás 14:28
O portavoz parlamentario do PP en materia social, Alberto Pazos, asegurou que "se o Goberno non cumpre, a Xunta vai estar e habilitará axudas para que as familias non teñan que escoller" entre traballar e o coidado dos menores, pero reclamou ao Executivo central que informe as comunidades con que orzamento e contías van contar para que poidan realizar os seus orzamentos. Un anuncio que chega cando recoñece que os bonos axuda que puxo en marcha a Xunta para a conciliación non funcionan.
Díxoo no debate dunha proposición non de lei impulsada pola deputada socialista Noa Díaz, que contou co apoio do BNG, e na que se pedía que a Xunta elaborase un "plan de conciliación efectivo" que "garanta medidas excepcionais para circunstancias derivadas da pandemia, cunha partida orzamentaria habilitada para tal fin, e que permita ás familias exercer os coidados en caso de contaxio, illamento ou suspensión de actividades lectivas, cunha retribución económica que impida o risco de exclusión nos menores".
Os populares lamentaron que esta iniciativa "rompe" o acordo alcanzado no Parlamento de Galicia a semana pasada, no pleno, no que se pedían medidas ao Goberno central no sentido dun permiso retribuído, pero a deputada socialista defendeu que "complementa" o texto ratificado no pleno e que se dirixe en concreto ás actuacións que reclaman á Xunta.
Noa Díaz cuestionou a "efectividade" das medidas da Xunta e o bono extraordinario habilitado, que só solicitaron 1.200 familias e cuxo alcance ía ser de 36.000 persoas. Pazos recoñeceu que a xente "non quere bonos", senón un permiso retribuído para os coidados das persoas menores ou dependentes.
Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil, que mostrou o apoio á iniciativa, dixo que habería que realizar un debate para a "racionalización" dos horarios laborais, porque a conciliación hoxe en día depende dos colexios, actividades extraescolares e avós no caso dos coidados dos menores e, por tanto, acaba prexudicando máis ao colectivo de nais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.