Antonio Fontenla: " Os ERTE son un auténtico salvavidas para o mantemento das empresas e dos postos de traballo"

Antonio Fontenla foi reelixido por sexta vez como presidente da Confederación de Empresarios da Coruña. Máis de dúas décadas á fronte do empresariado coruñés que teñen visto entrar e saír gobernos e dúas crises económicas. Defensor do libre mercado e da reforma laboral aplicada polo Goberno Rajoy, cre que a crise da COVID axudará a impulsar as TIC e valora positivamente as iniciativas económicas da Xunta coa que asinou un documento xunto aos sindicatos, para manter o diálogo social.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 03/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Sexto mandato na Confederación coruñesa, un sexto mandato que algúns verán como algo excesivo, outros dirán todo o contrario. Non obstante, vostede que ofrece agora para este novo período que abre na CEC?
Efectivamente inicio o sexto mandato á fronte da Confederación coruñesa e o fago coa ilusión e coas gañas do primeiro día. A miña reelección supón que tanto eu como o meu equipo de goberno fixemos as cousas ben, o que provocou que as empresas, por estar satisfeitas coa xestión desenvolvida durante estes anos, apoiasen masivamente a miña candidatura.

Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña
Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña | Fonte: EP

-Estima que o sistema económico, industrial e produtivo de Galicia está desfasado, que
necesita unha nova política?

Toda España, non só Galicia, precisa dunha maior capacidade industrial, xa que desta
forma se melloraría tanto a empregabilidade como a propia calidade do emprego.

- Que plans ten ou que plans quere presentar aos seus colegas da Confederación para
facer fronte á situación creada pola COVID na provincia?

Creo que o COVID-19 crea tres problemas que afectan directamente ás empresas; por
un lado, o sanitario, e por outro, o negativo impacto na liquidez e no propio emprego.
Por iso é necesario que traballemos xuntos na procura de superar unha situación tan
preocupante como a que vivimos.

A miña reelección supón que tanto eu como o meu equipo de goberno fixemos as cousas ben

-Cal é o sector máis afectado polas medidas sociosanitarias dentro da provincia? Ese
sector podería recuperarse de maneira máis rápida que outros?

A crise é global e polo tanto todos os sectores produtivos están afectados, principalmente os relacionados coa industria turística, a hostelería e o comercio, así como as pemes e o colectivo de autónomos. Eses sectores son, sen dúbida, os máis prexudicados e os que máis van tardar en recuperar a normalidade.

-Algúns sectores opinan que é o momento de apostar por novas iniciativas, novas maneiras de traballo e relación entre empresario e traballador. Cre que pasada a pandemia e a crise económica, haberá un cambio radical na concepción empresarial en Galicia?
A crise provocada polo COVID-19 nos plantexa ao tempo retos e oportunidades. Un deles é o relacionado cos sistemas de produción vencellados á robótica e á revolución dixital. Estas cuestións provocarán, por suposto, cambios importantes na concepción das empresas e darán paso a novas iniciativas empresariais. Para iso ten que axustarse as novas necesidades creadas tras a pandemia. Trataríase, en definitiva, de apostar por empresas máis modernas e competitivas.

É necesario que traballemos xuntos na procura de superar unha situación tan
preocupante como a que vivimos

-Estima o sector empresarial que é moi necesario facer cambios de cara a unha renovación da oferta, é dicir, ademais de sectores clásicos, apertura de novos retos como intelixencia artificial, computación etc?
Por suposto que sí. Como dixen anteriormente, a dixitalización, a computación, a intelixencia artificial, en definitiva a revolución dixital, están a dar paso a unha profunda renovación na estrurura das empresas do noso país.

-Por que non houbo unha maior aposta por estes sectores ata o momento?
Os cambios veñen cando teñen que vir. É decir, cando chega o seu momento e as condicións coxuntarais así o aconsellan. Acabamos de pasar a crise de 2008 e cando crecíamos por riba da media europea e nos estábamos recuperando da mesma, chegou a COVID, o que provocou un impacto descomunal na economía que provoca que para saír desta situación sexa necesario apostar por novas fórmulas que faciliten unha rápida e efectiva recuperación.

-Se ben o turismo é un sector clave, cre que ese mesmo sector en Galicia está excesivamente ligado ao Camiño de Santiago ou non?
O Camiño de Santiago é un activo turístico trascendental para a nosa Comunidade. Pero non é o único. Certo é que nos axuda de xeito moi importante a darnos a coñecer. Non obstante, non debemos esquencer que Galicia dispón dun potencial turístico, tanto no eido cultural como no relativo á natureza, de primeira magnitude que non debemos desaproveitar.

-Comparte as políticas económicas que está desenvolvendo o Goberno central de cara a evitar a caída da economía española en xeral? Cre que os ERTE agora mesmo son a solución para o empresariado?
O Goberno, como non podía ser doutra maneira, ten por obxectivo frear e evitar a caída da economía. E faino coa mellor das vontades. Partindo desa premisa, claro que comparto a maioría das súas decisións, sobre todo aquelas que están consensuadas no marco do diálogo social, como é o caso dos ERTE, que son un auténtico salvavidas para o mantemento das empresas e dos postos de traballo.

Chegou a COVID, o que provocou un impacto descomunal na economía que provoca que para saír desta situación sexa necesario apostar por novas fórmulas que faciliten unha rápida e efectiva recuperación.

-A Xunta pon en marcha un programa en liña para asesorar de maneira gratuíta a autónomos, empresas e comercios para a época postCOVID. Participou a CEC nesta iniciativa? Cal é a opinión da mesma que ten Vd?
Co Goberno galego mantemos unha interlocución fluida e permanente. Participamos das súas iniciativas económicas e polo tanto valorámolas positivamente. Precisamente hai poucos días que asinamos, xunto cos sindicatos, un documento para incentivar o diálogo social, tan importante como é para traballar na recuperación económica e a vertebración social do noso país.

-Cre que os fondos da UE poderán ser abondo para manter a flote a economía dentro
da Unión? Cre que España debía ter máis diñeiro (recibiu 140.000 millóns de euros)?

A solución adoptada é tan boa como necesaria. Por iso, espero e desexo que sirva para
mantener a flote tanto a economía española como a europea. Entendo que os 140.000
millóns que vai recibir poden ser unha primeira fase das axudas previstas que, em caso
de necesidade, estou seguro se ampliarán.

O Goberno, como non podía ser doutra maneira, ten por obxectivo frear e evitar a caída da economía. Partindo desa premisa, claro que comparto a maioría das súas decisións

-Ve posibles outras vías de financiación para evitar o colapso económico?
Seguramente existan outras vías de financiamento, pero o certo é que o aprobado pola
UE é un plan que posibilita que o noso país dispoña de 140.000 millóns de euros, dos
que 77.000 son a fondo perdido. Deste xeito, se abordará o problema da falla de
liquidez. É de subliñar que esta é a primeira vez que a UE aporta diñeiro a fondo perdido.
E é evidentemente uhna boa noticia.

-Desde o punto de vista empresarial, as medidas do Ministerio de Traballo sobre a
reforma laboral do Goberno Rajoy parécenlle axeitadas ao momento ou considera que
están erradas? Por que
?
No momento en que se fixo, a reforma laboral foi unha decisión moi acertada. Aí están
os indicadores económicos para avaliar o antedito. A reforma modernizou as relacións
laborais e nos fixo crecer moi por riba da media da Unión Europea.

A falta dunha maioría suficiente para gobernar e os pactos multipartidarios provocan certa inestabilidade e iso ten unha incidencia negativa na nosa economía.

-A situación política do Goberno central, as reiteradas idas e vidas sobre os orzamentos do Estado, que seguen prorrogados, como lle pasan factura ao empresariado?
O empresariado quere disciplina orzamentaria, o que supón un aliciente para os
investidores. Evidentemente prorrogar os Orzamentos do Estado non é o mellor para lograr a reactivación económica.

-Considera inestable a situación política en España?
Nós queremos estabilidade e iso é o que desde sempre vimos revindicando. A falta dunha maioría suficiente para gobernar e os pactos multipartidarios provocan certa inestabilidade e iso ten unha incidencia negativa na nosa economía.

-E en Galicia, cre que esta nova maioría absoluta de Feijóo dá a impresión de modelo político sólido?
O que creo é que os resultados electorais son os que son, e que, en consecuencia, os mesmos crearon na nosa terra o que todos desexamos: estabilidade política e social.

-Cal é o modelo económico que mellor se axustaría ás necesidades empresariais en Galicia?
Sen dúbida o que temos, a economía de libre mercado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xen Tu Za

Que quede claro que os ERTE en moitos casos son beneficiosos e moi necesarios. Pero agora vou contar o que pasa ante a falta de inspección. Seino porque mo contou unha persoa honesta que ten unha pequena empresa. Chegáronlle axudas (legais ata agosto incluído). Facturou desde xuño coma sempre, con ganancias, quizá un pouquiño menos que o ano pasado pero practicamente despreciable a diferenza. Está pensando como devolvelas se é posible. Un familiar que traballa noutra empresa estivo en ERTE ata fai pouco, peeeeeeero a empresa no seu lugar contratou outro no seu lugar porque lle era necesario pero pagándolle moito menos. Negocio redondo. Pois iso, os ERTES son necesarios pero tamén é necesaria unha inspección concienzuda para saber quen os necesita realmente e quen fai negocio con eles.

1 Gamela

Hoxe todo o mundo fala dos 140.000 millóns como se fora un maná ! Pero nin recibimos un euro nin sabemos cando os recibiremos e sobre todo non sabemos cara onde van ir parar eses cartos ! Sen dúbida os traballadores serán os últimos en cobrar (se cobran) porque se ben é certo que os ERTE hoxe son un salvavidas, ninguén pode afirmar que dentro dun ano tódolos traballadores sexan despedidos (?) Antón Costas falaba do perigo de alimentar Empresas Zombis (?) E non se mira que haxa movementos importantes no mundo das empresas en Galicia ! Máis ben todo o contrario (Alcoa) !