Feijóo descarta nacionalizar pero avisa: "se Alcoa pecha as cubas irá aos tribunais"

O presidente galego destaca a unidade de acción entre Xunta e Goberno central para tentar solventar o problema. A filial de aluminio do grupo que negociou a compra de Alcoa en Cervo adquire unha planta en Bélxica

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/10/2020 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

Alcoa non vai marchar da Mariña coas mans vacías. Tanto o Goberno central, como a Xunta, anuncian unha ofensiva política para acadar unha solución para os máis dun milleiro de traballadores directos e indirectos da factoría sexa pola vía do acordo ou sexa pola vía dos tribunais. Así o deixou claro o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que dixo que se busca un consenso pero que se Alcoa pecha as cubas "irá aos tribunais".

Traballadores de Alcoa San Cibrao durante unha manifestación. Carlos Castro - Europa Press
Traballadores de Alcoa San Cibrao durante unha manifestación. Carlos Castro - Europa Press

Neste sentido, destacou a unidade de acción que existe co Goberno central para tentar solucionar este problema. " Aí si que estamos unidos co Estado porque falamos todos os días e, ás veces, varias veces por día. Imos tentar convencer a Alcoa de que non está actuando de boa fé e que hai un comprador", dixo Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

E, aínda que recoñeceu diferencias entre a oferta de Liberty House, destacou que haberá que sentarse a falar. "E que se hai diferencias entre o prezo de compra e de venda o lóxico é limar as diferencias e non pegar un portazo e apagar as cubas", engadiu. E avisou; "se se apagan as cuvas de electrolise, Alcoa irá aos tribunais porque é unha irresponsabilidade histórica".

Así, destacou que se se apagan as cubas, a compañía non vai volver operar e, por iso, insistiu, "hai que evitar" ese escenario. Deste xeito, apoia as medidas cautelares que pediron os sindicatos ao xuíz. "Non hai que tomar medidas precipitadas, hai que ser dialogante con Alcoa, pero o que non pode facer é decidir o futuro do aluminio en España", concluíu.

COMPRA EN BÉLXICA

Por outro lado, Alvance, a filial do grupo GFG Alliance, que negociou con Alcoa a compra da planta de Cervo, en Lugo, comprou as instalacións de laminación de aluminio Duffel de Bélxica, preto de Anveres.

Segundo informa a propia GFG, Duffel, fundada en 1946, é un produtor europeo "líder de produtos laminados de aluminio de primeira calidade" e "pioneiro no mercado europeo de láminas de carrozaría (ABS)".

GFG Alliance ten tres alicerces industriais ou marcas: Liberty Steel Group (a que aspiraba a facerse coa planta de Alcoa en Cervo), Alvance Aluminium Group e Simec Energy Group.

Para a fábrica da Mariña de Lugo, en concreto, comprometera un plan industrial cunha serie de investimentos previstos para, entre outras cuestións, modernizar a forma en que a factoría se abastece de enerxía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta