Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2020 | Actualizada ás 12:05
O Pleno do Observatorio da Vivenda proporá este venres a habilitación dun teléfono específico por parte da Xunta para "informar e asesorar a aqueles prexudicados por unha okupación ilegal", á vez que a Administración galega encargará aos administradores de leiras e axentes da propiedade a realización "dun mapa de okupacións en Galicia" para coñecer o estado actual da problemática.
Así o indicou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, en declaracións aos medios pouco antes de presidir o pleno deste Observatorio, que incorporará como novo membro ao Colexio de Administradores de Leiras.
No seo deste organismo, que analiza os plans de vivenda e debate as problemáticas nesta materia de mans de distintos axentes implicados, tratarase este venres a estratexia de vivenda en Galicia de face aos próximos anos.
Así mesmo, destacou a conselleira, un dos puntos importantes será o das okupacións ilegais, un ámbito no que "Galicia segue demandando ao Estado unha modificación lexislativa" que "endureza as penas" nestes casos.
Ángeles Vázquez lembrou que, cando se produce unha okupación, "as primeiras horas son fundamentais" na súa "desocupación" e reclamou que comunidades de veciños ou de propietarios "poidan interceder eles mesmos e denunciar". " As nosas competencias teñen un límite en materia de vivenda e é o Goberno central o que ten que dar un paso transcendental", dixo a conselleira, que afeou que "ata agora lle resten importancia".
PASOS EN GALICIA
En canto aos pasos que se darán en Galicia, Vázquez avanzou que o pleno do Observatorio proporá que se habilite "un teléfono específico por parte da Xunta" para "informar e asesorar a aqueles prexudicados por unha ocupación ilegal", tanto particulares como comunidades. "A xente ten moitas dificultades á hora de saber como actuar", resolveu.
Paralelamente, encargarase ao Colexio de Administración de Leiras e de Axentes da Propiedade a realización dun mapa de okupacións de Galicia para "ter unha visión da situación" e da "realidade absoluta" na comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.