Por dar un exemplo inicial, están aparecendo biografías extensas de Castelao e de Rosalía de Castro, e hai iniciativas culturais, sociais e ecoloxistas que traballan por defender os legados e as realidades de Galicia.
No mundo da música, hai tamén unha sensación de inxustiza. A nivel internacional, percíbese un estancamento da música pop e rock. Vendo que non entran na escena grupos novos que causen impacto – como sucedía con frecuencia nos anos 70 e 80 – as revistas especializadas amosan nas súas portadas unha e outra vez a ídolos de sempre como Bob Dylan, Bruce Springsteen, os Rolling Stones ou os Beatles. Destes artistas, edítanse sucesivos discos de éxitos e remóvese con febre o chamado “fondo do barril”, buscando maquetas, gravacións en directo ou tomas descartadas.
Na música galega, sucede o contrario: entran nunha sorte de esquecemento moitos artistas interesantes, e coido que non hai revistas musicais nin lanzamentos novos das obras legadas. Como moito, hai recoñecemento aos grupos máis famosos: Fuxan os ventos, Luar na Lubre e Milladoiro, e a figuras de talento incontestable como Guadi Galego, Emilio Cao e Mercedes Peón.
Para os lectores de Galicia Confidencial, quero reivindicar a catro formacións que admiro de maneira especial:
1. Dous dos fundadores de Fuxan os ventos, Mini e Mero, crearon A Quenlla (Lugo, 1984). Custa crer que a impresionante riqueza melódica desta agrupación estea tan pouco valorada polo público xeral. Pedindo desculpas pola súa calidade, pódese ver en YouTube o tema sobre os mártires de Carral titulado “Abril de lume e ferro”, gravado cando A Quenlla actuou o 25 de xullo de 2009 na cidade de Pontevedra.
2. Deberían ser moi famosas as cancións “An-Kar” e “Caminho velho”, do álbum Rodeira publicado en 2001 por Brath (Lugo, 1980). Hai un sentimento de grandeza neste grupo, procedente do rock progresivo, que pode proxectarse ao Libro de Kells e aos intérpretes das nacións celtas.
3. É fascinante a cándida beleza da música de Chouteira (Foz, Redondela, Cangas e Vigo, 1994), grupo no cal destaca a singular voz de Ugía Pedreira. Temas como “Basilisa” ou “Trabada” dan unha boa mostra do seu encanto.
4. Nun mundo máis xusto, a cantante Dolores Plata sería vista como unha Amaya Uranga galega, unha fonte de son pura e sincera. O seu grupo Xocaloma (Carballo, 1975) é ó meu ver un dos mellores de Galicia, pero non hai constancia suficiente da súa valía. Dolores chegou a publicar en solitario o que considero o disco máis interesante existente dos feitos sobre poemas de Rosalía, o magnífico espello de jazz que é Lúa descolorida (1985), con músicas de Antón Seoane, Rodrigo Romaní e Nani García.
Estes son os catro grupos que con humildade quero recordar. Mais hai dúas consideracións boas e unha mala a compartir. A negativa quere ser unha crítica construtiva ó programa Luar. Como se viu, por dar unha mostra, na visita de Franco Battiato para presentar o seu éxito “La cura”, Luar é ás veces un espazo brillante na televisión dos nosos días. Porén, onte, 2 de outubro, chegouse ao triste cumio dunha preocupante deriva cara a vulgaridade, cun programa dedicado á escatoloxía. Que pensarían a convidada María del Monte e os espectadores en Portugal e Latinoamérica?
Non son sospeitoso de estar en contra de Luar - véxase o meu artigo “Gayoso defendido por un rianxeiro” (Certo, 21 de xullo de 2008) - todo o contrario. Gustaríame que detalles tales como o humor de pouco gusto, ou aberracións como o porco aberto en primeiro plano que escandalizou á cantante mallorquina Angy Fernández desapareceran para sempre do programa.
As boas novas son as seguintes: a primeira é que, como estes catro, temos máis expoñentes a rescatar na música galega. Hai discos de artistas como A Roda, Doa, Na Lúa, Os Cempés ou Muxicas, entre outros, con belos diamantes nos seus sucos.
Finalmente, a segunda boa nova é que pode haber un cambio. Estes músicos galegos están vivos, e en condicións de coordinar desexables reedicións das súas obras. Remasterizados, ampliados con caras B, e contando con información técnica e crítica cumprida, moitos discos extraordinarios do noso folclore gozarían dunha nova vida, e numerosos posuidores de maxia aparecerían en programas como Luar, aumentando a dignidade e o prestixio da nosa cultura.