A solución da Xunta para desdobrar comedores: que o fagan as familias

Un colexio de Brión pediu monitores para desdobrar o servizo de comedor. A resposta da Consellería foi ampliar o número de voluntarios, un posto exclusivo para nais e pais. A ANPA xa está a mobilizarse: “temos que traballar, comedor xa!”.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Continúa o tirapuxa entre Xunta de Galicia e diversos sectores da comunidade educativa. A última mobilización vén de acontecer ás portas do CEIP Pedrouzos de Brión, onde nais e pais se manifestaron na tarde do luns contra o rumbo da Consellería de Educación no tocante ó comedor escolar

Outra imaxe da concentración que tivo lugar na tarde do luns 5
Outra imaxe da concentración que tivo lugar na tarde do luns 5 | Fonte: ANPA Andaravía

“Temos que traballar, comedor xa”, ou “O Concello pon os cartos, a Xunta os obstáculos” foron os principais lemas que se puideron ler nas pancartas dos asistentes ó acto. A denuncia principal é que, en plena pandemia, a Xunta vén de “excluír” do comedor escolar “á metade das familias” usuarias, unha circunstancia que dificulta notablemente a conciliación laboral.

Segundo destaca a ANPA Andaravía nun comunicado público, a Xunta estaría a cribar o acceso ó comedor con “criterios anacrónicos” e que “non responden ás necesidades actuais que temos as familias”.  Estes baremos implicarían que o alumnado residente a máis de dous kilómetros do centro, discapacitado ou en exclusión social puidera acceder con maior facilidade ó servizo de comedor, entre outras ponderacións. En calquera caso, a problemática atópase en que, coas limitacións sanitarias, o número de alumnos que poden desfrutar das instalacións é menor.

VOLUNTARIOS NO CANTO DE MONITORES

Ante esta dificultade, o obxectivo do CEIP pasaba por desdobrar o servizo de comedor para dar cabida a todos os rapaces. O problema é que, segundo denuncia a ANPA, a Xunta estaríase negando a prover do persoal necesario para facer tal desdobre. En troques, a solución da Consellería de Educación foi “incrementar de 15 a 27” o número de voluntarios que poden exercer no comedor; un posto reservado a “pais, nais ou titores legais do alumnado do centro” que contaran con dispoñibilidade horaria. Segundo destacaba o centro uns días atrás, polo momento só se prestaron 9 persoas. 

Concentración ante o CEIP Pedrouzos de Brión en protesta pola resposta de Consellería de Educación á petición de máis monitores para desdobrar o comedor escolar
Concentración ante o CEIP Pedrouzos de Brión en protesta pola resposta de Consellería de Educación á petición de máis monitores para desdobrar o comedor escolar | Fonte: ANPA Andaravía

O conflito atópase precisamente nos horarios, xa que o comedor é un recurso “fundamental” para a conciliación, segundo a ANPA. As denuncias na mobilización do pasado luns centráronse, precisamente, nas complicacións engadidas que supoñía o anuncio da Xunta. Ante esta circunstancia, a ANPA esixe á Consellería que “rectifique” os criterios “restritivos” e impulse unha segunda quenda de comedor “con monitoras e monitores profesionais”, que “garanta un servizo seguro e capaz de cubrir a demanda actual”. 

CONSELLERÍA “LITERALMENTE AUSENTE”

A asociación de Nais e Pais carga con forza contra a Consellería de Educación, á que acusa de estar “literalmente ausente” e de propor “parches” no canto de atallar o problema. “A ‘solución’ da Xunta é, en verdade, un pau nas rodas que dificulta o necesario desdobramento do comedor”, destacan no comunicado. O balón, pois, estaría no tellado de San Caetano, xa que “o colexio ten a vontade de sacalo adiante [o desdobramento]” e este “conta coa vontade do Concello”. Anuncian que seguirán mobilizándose ata contar de novo co servizo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta