Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2020 | Actualizada ás 17:39
O comité de empresa da planta que a multinacional Siemens Gamesa ten nas Somozas, dedicada á fabricación de pas para aeroxeradores, alertou de que a dirección non aposta pola fábrica e só hai carga de traballo ata finais de ano. Diso informou tras un encontro este martes cun alto executivo da empresa, nunha reunión mantida nas propias instalacións das Somozas.
Segundo manifestou o presidente do comité, Sergio López (UGT), o responsable da dirección aseguroulles que, "a día de hoxe, non hai confirmados máis pedidos en firme do modelo de pa SX114", que é a que producen. Por iso, os actuais encargos supoñen carga de traballo ata o 20 de decembro deste ano.
Tamén se lles trasladou que "a fábrica das Somozas dedicarase ao mercado nacional, por non ser competitivos no internacional". No caso de que pechase un posible pedido de 95 rotores --cada rotor conta con tres pas--, "a empresa contempla diferentes escenarios". "Sentounos como un xerro de auga fría", queixouse.
PRODUCIÓN EN PORTUGAL
O comité de empresa, composto por delegados de UGT e de CC.OO., explica que este representante rexeitou acometer investimentos para realizar modelos máis moderno e de maior tamaño, como a SX 145, SX 155 e SX 170 --de 72, 77 e 85 metros de lonxitude respectivamente--.
E é que a factoría recentemente adquirida en Vagos (Portugal) "xa está lista", "e non hai suficientes pedidos destes modelos para que se fabriquen noutra planta".
"O futuro da planta das Somozas está supeditado exclusivamente ao modelo SX 114", subliñan os representantes dos traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.